Entre o 11 e o 14 de agosto.

O «Entroido de verán» de Trives chega á oitava edición

Desde o xoves 11 de agosto ata o domingo 14 terá lugar en Trives, o “Entroido de verán”, organizado pola Asociación Cultural A Caniceira de Trives. Unha oitava edición que se agarda especial por ser tamén o décimo aniversario da asociación que o organiza.

Desta vez, quen se achegue a Trives durante esas datas poderá gozar de concertos, a V Edición dos Cantos de Taberna, unha feira de artesanía, desfile de folións e comparsas, entre outras actividades.

Desde A Caniceira de Trives animan a todo o mundo a achegarse e gozar da festa, que cada ano recibe máis xente. Ademais, amosan o seu agradecemento a todas as persoas que dun ou doutro xeito colaboran para que este Entroido poida levarse a cabo, enchendo de vida e de ledicia o pobo.   Entre eles os locais de hostalería, tendas e establecementos de Trives.

Programa

A festa comeza o xoves 11 a partir das 22 horas coa actuación do Ximnasio “A volta ao mundo en 80 días”, na praza do Reloxos, seguida ás 23.30h do concerto de Triblues Band. O venres ás 20:30 horas dá comezo a 5ª edición dos Cantos de Taberna, na que participan oito grupos. O sábado abre ás 11 da mañá a feira de artesanía; haberá billarda a mediodía na finca da Barreira, e as actuacións de Paco Cossío «Rabel» e Los Íñigos ás 19 e ás 01:00 horas.

Finalmente o domingo, volve haberá feira de artesanía desde ás 11 da mañá, sesión vermú ás 13:30 coas Macizas Centrais; e xa á tarde, desfile de folións e comparsas, e o concerto de Son do Sil, entrega de premios do concurso de disfraces a partir das 23 horas.