Coa participación de 60 persoas, 33 delas con discapacidade intelectual, a marcha pretende ser un exemplo do esforzo pola integración e a visibilidade das posibilidades e actitudes dos participantes.

Ourense acolle este venres a marcha ciclista de Special Olympics

Este venres 19 de agosto, Ourense acollerá a primeira das tres marchas ciclistas unificadas para persoas con discapacidade intelectual organizada pola asociación Special Olympics. A marcha, na que participarán 60 persoas -entre elas 33 persoas con discapacidade intelectual- “é un exemplo do esforzo pola integración que demostran as asociacións implicadas”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen tamén subliñou “a obriga das administracións para eliminar das nosas vidas calquera tipo de obstáculos, mentais e físicos”. A este evento acudirán deportistas de sete entidades galegas que traballan con persoas con discapacidade, entre elas a ourensá de As Burgas, unha das fundadoras de Special Olympics Galicia, ademais de membros de tres clubes ciclistas, un deles chegado de Cataluña.

Na presentación da marcha, no salón de plenos do Concello de Ourense, estivo tamén o presidente de Special Olympics de Galicia, Eladio Fernández, quen destacou o compromiso da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia por integrar na mesma marcha a persoas con e sen discapacidade, e agradeceu o esforzo do Concello por acoller unha proba que quere “dar visibilidade ás posibilidades e actitudes dos discapacitados”. Fernández referiuse igualmente ao importante labor dos voluntarios durante a marcha e na súa acción diaria -a organización que preside está integrada, na súa práctica totalidade, por voluntarios-.

O Concello de Ourense “colaborará e facilitará cunha marcha que transcorre por un espazo urbano”, explicaba Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes, quen tamén quixo agradecer o labor de Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella.

A proba, sen carácter competitivo, ten un percorrido total de 15 km polo casco urbano de Ourense. A saída será o venres ás 12:30 horas desde a avenida Pardo de Cela, á altura do Pavillón dos Remedios, onde tamén rematará. Haberá cortes de tráfico, explicaban, pero serán “moi puntuais e coa menor incidencia para o tráfico”. As seguintes etapas da marcha chegarán a Lugo e a Santiago os días 20 e 21 de agosto.

Ao longo do ano, Special Olympics organiza en toda Galicia eventos cos que promover ás persoas con discapacidade a través do deporte e ocio nos que participan arredor de 4.000 persoas e colaboran máis de 2.500 voluntarios.