A vila volta á Idade Media os días 26 e 27 de agosto cun amplo abano de actividades como o mercado medieval, teatro, obradoiros, espectáculos e moita música.

Ribadavia prepárase para unha nova Festa da Istoria

Este venres e sábado, 26 e 27 de agosto, chega unha nova edición dunha das citas culturais máis importantes da provincia, a Festa da Istoria de Ribadavia, que bota a andar coa apertura do mercado medieval o venres ás 11:30 horas complementado durante os dous días de festexos cun espazo infantil en horario de mañá e tarde, e diversas actividades de teatro, obradoiros, espectáculos e concertos.

Entre o completo programa, destaca o venres a actuación de rúa dos Galaicos (18:30 e 21:30 horas), espectáculo de lume a cargo de Rita de Miguel no Auditorio do Castelo (22:30 horas), acrobacias a cargo de Medievo Circus na praza Maior (á medianoite) e concerto de Kepa Junquera na fachada do Castelo (ás 00:30 horas).

Xa o sábado o Gran Desfile da Istoria dará comezo ás 11:30 horas (dende San Francisco ao Castelo dos Sarmiento), seguido do pregón, entrega de medallas e baile medieval. Ás 13:15  comezará o cambate de cabaleiros e 15 minutos despois iníciase a Voda Xudía (coa saída da comitiva dende a rúa dos Fornos). Ás 14:30 horas terá lugar o tradicional xantar medieval na Madalena.

Pola tarde (19 horas) sae a comitiva do Rei, do Adiantado Maior do Reino de Galicia e dos músicos Os Galaicos para presidir o Gran Torneo Medieval (do Castelo ao Xestal).

Ás 23 horas será o turno do espectáculo de lume e música de  Himnorium na Alameda e ás 23:30, do concerto fin de festa a cargo da Banda Baile Asalto na praza San Martiño.

Cervexa e APP da Istoria

Unha das  novidades desta edición é o nacemento da cervexa da Istoria, de estilo Biére de Garde, unha cervexa ALE rural artesá orixinaria do norte de Francia. É unha cevexa lixeira no padal, cun agradable gosto doce a malta, con moderado grado alcohólico (6,5% v/v).

Así mesmo, esta edición estréase a APP da Festa da Istoria, que se pode descargar de balde e na que os usuarios atoparán información completa sobre a celebración: programa, liñas de autobús, aparcadoiros, centros sanitarios, emerxencias, postos de comida, artesáns, oficinas de troco de maravedís, etc.