Cun máximo de 2.000 euros por entidade.

Barbadás activa axudas para empresas de nova creación

O Concelleiro de Promoción Económia, Xosé Manoel Fírvida presentará ao pleno do día 5 de setembro a aprobación inicial dunha liña de axudas municipais para o fomento da actividade empresarial. O programa de subvencións posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo, a través da Oficina de Promoción Económica de Barbadás, PROECO, conta cun orzamento de 20.000 euros e ten como finalidade colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no concello de Barbadás, apoiando a activación de novos proxectos empresariais. A contía destas subvencións será de ata 2.000 euros por empresa ata acadar o orzamento total asignado para esta fin.

Poderán acollerse á subvención todos aqueles empresarios/as individuais e PEMES de nova creación sexa cal sexa a forma xurídica que adopten os/as promotores/as (persoas físicas, comunidades de bens ou sociedades civís, sociedades cooperativas, laborais, de responsabilidade limitada ou de responsabilidade limitada de nova empresa).

Requisitos

Entre os requisitos necesarios para optar ás prestacións, estipúlase que o negocio teña o seu domicilio fiscal e social no concello de Barbadás, que os demandantes sexan propietarios cando menos do 33% do capital social do negocio, así como que creen, polo menos, o seu propio posto de traballo.

Serán subvencionables os primeiros gastos realizados pola empresa. Entre os gastos finanzados, atópanse os custes de constitución e apertura, a adquisición das primeiras mercadorías, os gastos derivados de alugueiros e, en xeral, todos os gastos correntes derivados da realización da actividade empresarial.

As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia e concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e rematará o 10 de xaneiro de 2017.