A maior feira científica de Galicia celebrarase na Tecnópole entre o 16 e o 18 de novembro. Os traballos poden presentarse ata o 23 de outubro.

Aberto o prazo de presentación de proxectos para a Galiciencia 2016

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2016 ata o próximo 23 de outubro. A maior feira científica de Galicia inicia así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que celebrará a súa undécima edición. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial, unha novidade introducida hai dous anos e que se consolida polo éxito rexistrado.

O evento terá lugar entre o 16 e o 18 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia.

As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día.

Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición. Como é habitual, o comezo do curso escolar suporá o inicio da preparación dos proxectos para os equipos.

Presentación dixital

Como novidade nesta edición, os equipos seleccionados para expoñer o seu proxecto deberán elaborar unha presentación dixital na que se recollan os aspectos máis relevantes da súa investigación. Con esta iniciativa, a organización introduce como requisito a capacidade para resumir e comunicar de forma atractiva o seu traballo de xeito previo á celebración da feira.

Ademais, a celebración da Galiciencia comezou xa no mes de abril co lanzamento dun desafío matemático que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En “Atrévete coas matemáticas!” participan escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a victoria presencialmente durante a Galiciencia.

Aulas Tecnópole

Ademais, Tecnópole pon en marcha un ano máis o seu programa de capacitación en habilidades innovadoras para escolares, consolidando tamén a sección específica sobre robótica e programación iniciada o curso pasado. Nos dous casos, a inscrición estará aberta ata o 30 de setembro.

As Aulas Tecnópole retomarán a súa actividade por sétimo ano consecutivo no mes de outubro e cada xoves pola tarde acollerán a un grupo formado por un máximo de 45 alumnos de 12 a 18 anos. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.

Pola súa parte, as novas Aulas Tecnópole Robótica terán lugar os mércores pola tarde cun grupo máis reducido, de 24 participantes. Dirixidas a estudantes de 9 a 13 anos, o seu obxectivo será achegar conceptos de programación aos máis pequenos a través da construción e programación de robots.