O Teatro Principal acolleu o espectáculo “Ourense Literario”, a cargo do escritor ourensán Bieito Iglesias a e a compañía de teatro A Panadaría.

Inaugurado o 82º Congreso do PEN Internacional

O Teatro Principal acolleu o acto inaugural da 82 edición do Congreso do Pen Internacional, que reunirá ata o próximo domingo, 2 de outubro, a 194 participantes de 75 Centros PEN de todo o mundo. Previamente, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu a benvida na sé provincial ó comité executivo do Pen Internacional, encabezado pola súa presidenta, a escritora mexicana, Jennifer Clement, para trasladarse posteriormente á concentración de todos os delegados e participantes chegados dende todo o mundo na Praza Bispo Cesáreo, onde está  instalada a “Empty Chair”, obra de Acisclo Manzano, que simboliza a representación de escritores, xornalistas, editores, blogueiros e todos aqueles que traballan coa palabra.

O programa contou cunha representación da compañía de teatro A Panadaría e a intervención, en nome do PEN Galicia, do escritor ourensán Bieito Iglesias, escritor do exitoso “Ourense de ouro”, que lembrou ás escritoras e escritores vinculados á organización que xa non están: Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.

A continuación, o actual presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, insistiu en que “dende o PEN Galicia, alentamos a creación de centros PEN en Angola, Monzambique, Cabo Verde, Guinea Bissau e todos aqueles países de Iberoamérica nos que aínda non hai PEN ou non está realmente vivo”.

Pola súa banda, a presidenta do PEN Internacional, a escritora mexicana Jennifer Clement, calificou a presente edición do Congreso como “histórica”, con datos de asistencia “fantásticos”. Clement adiantou que “imos cambiar a carta constitucional a voto, así como o manifesto sobre os dereitos de autor, que están en perigo, e comezar unha campaña mundial que ten que ver coas persoas desprazadas”.

Pola súa banda, o presidente do ente provincial, Manuel Baltar, destacou en inglés que “seguimos construíndo un novo modelo, con cultura, idioma e literatura propia”.

Ó finalizar o acto do Teatro Principal, Xesús Vazquez deu a benvida ós membros do comité executivo do PEN Internacional nunha cea no Liceo da cidade.

Martes, 27 de outubro
A segunda xornada do Congreso do PEN Internacional arrancará ás 9 horas na segunda planta do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, berce da programación. Alí, inaugurarase a exposición Liberta, de Olegario Sampedro. Unha iniciativa que nace co fin de potenciar a defensa da liberdade de expresión como un dereito inalienable do ser humano, así como divulgar a cultura de paz. Especificamente, trata de facer visible a realidade ao longo da historia –e na actualidade- de todos aqueles escritores que, nalgún momento, viran vulnerados os seus dereitos fundamentais de expresión como consecuencia directa ou indirecta da redacción ou publicación das súas obras. Pretende a concienciación, primordialmente, na poboación xuvenil e, concretamente, dentro do contexto escolar.

A continuación, arrancarán as asembleas de delegados, a porta pechada. Xa pola tarde, ás 18,30 horas, o blogueiro Buddha Kyab conducirá unha conferencia sobre a persecución de escritores, xornalistas e blogueiros no Tibet, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ás 19 horas, tamén no Marcos Valcárcel, tratarase a liberdade de expresión e os dereitos lingüísticos, da man de Fernando Ramallo e Paco Audije. Tamén haberá, neste caso na Praza de San Martiño ás 20 horas, unha sesión titulada “A (Poesía) milagre do mundo”, unha idea de Manuel Rivas con música de Pulpiño Viascón e textos de Olga Novo, Oriana Méndez, Estevo Cereus, María do Cebreiro, Dores Tembrás, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga e Lucía Aldao. Estas tres últimas serán abertas ó público.