Subiu ao primeiro posto do ranking internacional.

Iglesias, o mellor jiujitsuka do Mundo

O jiujitsuka ourensán do Club Marbel, Felipe Iglesias, alcanzou esta semana o posto número 1 no ranking mundial da Federación Internacional de jiu jitsu, na categoría de loita de -56 quilos. Unha clasificación que a institución actualiza segundo os méritos logrados por cada competidor cada certo tempo.

As medallas de prata logradas nos últimos campionatos europeo e mundial permiten a Iglesias superar ao colombiano Jaison Moura por 20 puntos e ao francés Dylan Touati por 70.

Álvarez
O tamén ourensán e compañeiro de Iglesias, Christian Álvarez, permanece no oitavo posto na categoría de +94 quilos, inmerso na recuperación dunha lesión de xeonllo.

Liga de judo
Este sábado 1 de outubro comeza a 14ª edición da Liga de judo. Ese día celebrarase a primeira xornada da Primeira e Segunda división masculina.
O día 15 do mesmo mes terá lugar a segunda xornada masculina e comezará a competición na feminina. O Marbel participará, en mulleres, cun equipo que tentará rematar na mellor posición posible.

Este ano non haberá un club representando a Ourense na categoría masculina.

A terceira xornada celebrarase o 5 de novembro na que se definirán as posicións definitivas  para as eliminatorias polo título e polo ascenso de categoría. A fase final disputarase o 12 de novembro.