A Xunta construirá 10 novas vivendas de promoción pública na cidade

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, destinará máis de 1,34 millóns de euros á construción de 10 novas vivendas de promoción pública na cidade de Ourense. O Diario Oficial de Galicia publicou as resolucións polas que se anuncian as licitacións das obras de construción dun edificio para  8 novas vivendas no barrio de Covadonga e de rehabilitación dun edificio na rúa do Villar no que se obterán dúas vivendas.

Estas actuacions responden ás previsións do programa de vivenda de promoción pública incluído no Plan rehaVIta,  o plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

No barrio de Covadonga, o Instituto Galego da Vivenda e Solo construirá oito vivendas de promoción pública, cun investimento total de 939.112,06 euros e un prazo de execución da obra de dous anos e tres meses.

As vivendas conformarán un edificio formado por planta baixa para garaxes, servizos comúns e acceso ao edificio, catro plantas de vivenda e planta de baixo cuberta para os rochos. As vivendas, dúas por planta, están compostas por tres dormitorios, salón-comedor, cociña, lavadoiro, tendal e dous baños. A superficie útil das vivendas oscilará entre 80 e 83 metros cadrados.

As empresas interesadas na execución destas obras poderán presentar ofertas ata o día 25 de outubro.

Rehabilitación no casco vello

Por outra parte, licítase a obra de rehabilitación do edificio emprazado no número 1 da rúa do Villar, no caso vello ourensán. Esta obra permitirá obter dúas vivendas rehabilitadas.

O importe da licitación é de 406.498 euros e o prazo de execución da obra de doce meses. As vivendas disporán de dous dormitorios cada unha, con superficies útiles de 92 e 98 metros cadrados.

As empresas interesadas dispoñen de prazo tamén neste caso ata o 25 de outubro para presentar as súas ofertas.