A Xunta de Goberno local aprobou a solicitude de subvencións á Consellería de Políticas Sociais para o cofinanciamento dos servizos, “unha prioridade deste goberno”, dixo o alcalde, Jesús Vázquez.

O Concello solicita á Xunta cofinanciamento para os seus servizos sociais

O Concello vén de aprobar en Xunta de Goberno local a solicitude á Xunta de cofinanciamento para os programas de Servizos Sociais Municipais, que ascenden a un total de 5.168.893 euros, 200.000 euros máis que o orzamentado en 2015. “Entendemos que son programas moi importantes para esta cidade, e falamos dun esforzo inversor para un goberno municipal que ten como prioridade as axudas sociais”, aseguraba o alcalde, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior.

Estes programas divídense en dous: dunha banda, o Fogar do Transeúnte, cun orzamento de 306.360 euros, dos que se lle solicitará á Xunta unha axuda de 73.371 euros para os gastos de persoal, na súa maioría. O Concello achega a esta partida o 76% do total: 232.989 euros.

Doutra banda, están o resto dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais (Casa da acollida das vítimas de violencia de xénero, comedor sobre rodas, tele asistencia, axudas de emerxencia social, prevención da dependencia, conciliación familiar, persoal e axuda a domicilio, entre outros), cun orzamento total de 4.907.906 euros de orzamento xeral. O Concello achega o 41% do total (algo máis de 2 millóns), nas modalidade de prestacións básica do plan concertado (331.188 euros); modalidade para persoas valoradas como dependentes (1.655.208 euros); e xestión de programas (441.514,91 euros) mentres que se lle solicita á Xunta a diferenza: 2.898.544 euros.

Actividades nos centros cívicos

Tamén no eido de asuntos sociais, a xunta de goberno local decidiu retrotraer o procedemento de convocatoria pública de selección de proxectos para a realización do programa de actividades dos centros cívicos para cativos ao momento do trámite de publicación das bases e convocatoria de selección,  logo de que fose admitida a trámite unha alegación. Así, o novo prazo de presentación de proxectos será do 3 ao 15 de outubro deste ano. Porén, “cómpre destacar que as actividades continúan prestándose nos centros cívicos coa anterior empresa adxudicataria”, asegurou o rexedor.