Os actos desenvolveranse a fin de semana do 7 ao 9 de outubro.

Dar a coñecer e e difundir os valores da poesía cun espírito didáctico. Este é o grande obxectivo da sétima edición do Encontro Internacional de Poesía. Organizado polo Círculo Poético Ourensán, celebrarase en Ourense do 7 ao 9 de outubro.

O programa inclúe diferentes recitais pola cidade e a provincia ademais de visitas a centros escolares para o fomento da poesía entre os cativos.

Durantes os tres días chegarán a Ourense figuras da poesía internacional. Entre elas estarán a mexicana Mónica Gameros, a portuguesa Lurdes Breda, o arxentino Henán Kozak, ou o colombiano Ruy Hernández, entre outros, aos que acompañará o músico ourensán Gabri Fernández.

Roteiro
Tamén se realizará un roteiro polo casco histórico de Ourense, para poñer en valor a importancia dos poetas desta terra entre os visitantes. Ademais haberá tempo para o recoñecemento ao esforzo a prol da poesía de diferentes institucións de Ourense, coma o CEIP Prácticas, un axente moi activo no espallamento desta arte entre os escolares.

Outra das iniciativas será a recompilación dos poemas que os visitantes de Ourense escriban ao remate da súa visita para presentalos nun monográfico.