A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense aprobou a concesión de subvencións a asociacións, entidades sen ánimo de lucro e comisións de festas por valor de 95.000 euros. Por primeira vez, regúlase especificamente o apartado de comisións de festas “fixando criterios obxectivos e con total transparencia para a concesión de axudas para festexos nos barrios”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. “Este ano aumentamos 10.000 euros máis ata os 70.000 euros, e sumamos 25.000 euros máis exclusivamente para o apartado de comisións, deixando ademais unha interesante lista de criterios para o futuro”, dixo o rexedor.

Desta maneira, asignarase unha cantidade fixa en función do número de habitantes do barrio ou parroquia: ata 1.000 habitantes, asignación fixa de 700 euros; ata 5.000 habitantes, 1.500 euros; a partir de 5.000 habitantes, 3.000 euros; e desde os 10.000 habitantes, 6.000 euros. Quedarán excluídos da convocatoria os barrios con máis de 15.000 habitantes. O prazo para solicitar estas axudas será de 15 días a partir da súa publicación no BOP, e o texto da convocatoria completo pode consultarse na web da Concellería de Cultura.

Banda de música

Tamén no eido de contratación, declarouse deserto o expediente para contratar o servizo da Banda de Música para o Concello de Ourense. Excluíuse a única licitadora, a Asociación Cultural Ricardo Courtier porque non cumpre as condicións de solvencia esixibles no artigo 10 do prego técnico: “Non alcanza a acreditación do 80% dos músicos dunha experiencia de cinco anos en traballos semellantes, segundo un informe técnico no que se pon de manifesto que algúns músicos perciban remuneración e outros non e en diferentes anos”, declarou o alcalde. 30 membros acreditan experiencia e 13 non presentaron xustificación axeitada (5 deles non chegan aos 5 anos de experiencia). En calquera caso, o informe técnico de Cultura sinala que o feito de que sexa a propia Asociación a que certifique a vinculación dos músicos con esta, así como a propia experiencia profesional destes, resulta insuficiente para a acreditación deste requisito.