O grupo de goberno considera que, tralas sentenzas, se presentan cinco situacións diferentes para os ámbitos incluídos nesa normativa provisional.

O Concello presentará recurso de casación contra o fallo que anula a ordenación provisional

A Xunta de Portavoces do Concello de Ourense reuniuse este martes para analizar a anulación, por fallo xudicial do TSXG, da ordenación urbanística provisional. O alcalde, Jesús Vázquez, anunciou que o Concello finalmente presentará recurso de casación contra o fallo ante o Tribunal Supremo, para gañar tempo de cara a unha aprobación definitiva do novo Plan Xeral.

Na xuntanza,  o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro explicou aos líderes da oposición as conclusións que se extraeron dunha intensa reunión entre os técnicos municipais, na que tamén participou, e os membros do equipo redactor do novo PXOM, cunha análise pormenorizada das nove sentencias que anulan a ordenación urbanística provisional, que xa estaba incluída na aprobación inicial do PXOM en curso mediante unha transitoria.

Así, a situación dos diferentes ámbitos da ordenación provisional estructúrase en cinco grupos. Un primeiro grupo contén os ámbitos que caen definitivamente e que deben iniciar o proceso cando haxa un novo PXOM. Non teñen proxectos de compensación ou execución aprobados e tampouco licencias concedidas. Son 11 os ámbitos, maioritariamente privados, aquí incluídos.

Noutro grupo están oito ámbitos, maioritariamente públicos, que non teñen problemas, por estar xa executados ou avanzada a súa execución. Teñen licencias concedidas e deben cinguirse a elas, sin posibilidade de modificalas.

Nun terceiro grupo están contemplados nove ámbitos. Contan con proxecto de compensación e urbanización aprobados e algúns teñen licencia concedida. Esto obriga a analizar cada caso individualmente en execución das sentencias, pero en principio o criterio técnico expón que os que teñen licenza non caducada poderían executar o ámbito e os restantes poderían conservar os proxectos de compensación e urbanización e continuar cando se aprobe un novo PXOM.

Nun cuarto apartado incluiríase o catálogo de Patrimonio. Os técnicos entenden que tamén caería e entraría en vigor o do 86. Cabería a posibilidade de que se puidese manter se a Xunta o ten inventariado.

E finalmente o último apartado refírese ao BIC do conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno. Neste punto, os criterios técnicos entenden que se mantén vixente porque se aprobou un Plan Especial ao respecto e ten entidade propia para o seu desenvolvemento.

Valoracións da oposición

Desde Democracia Ourensana, o seu voceiro, Gonzalo Pérez Jácome, considerou que a xunta de voceiros tivo un carácter eminentemente informativo e técnico e recordou que a súa formación política está «totalmente en contra» do novo PXOM, que cualificou de «un Frankenstein que quieren montar entre tres y la cosa sale una chapuza».

Por parte de Ourense en Común, Martiño X. Vázquez afirmou que no Concello de Ourense faltan por depurar «responsabilidades políticas» relacionadas coa situación do urbanismo na cidade, apuntando tanto ao PP local coma ao autonómico. O voceiro de OUeC sinalou ao PP como «único responsable» de que non estea aprobado o novo PXOM pois tentou modificar o documento «a favor de determinadas persoas con nome e apelidos para favorecer aumentos de edificabilidade» . Tamén pediu aos outros dous grupos da oposición «que me expliquen por que non imos votar a favor desta modificación (para poder pagar ao equipo redactor do plan» para saír da paralización» e reclamou que se deixe traballar aos técnicos.

Mentres, ao voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, pon en dúbida a posibilidade de incorporar todos os ámbitos da ordenación urbanística provisional ao Plan definitivo, logo de que houbera sentenzas na súa contra, pois considera que podería haber «fraude de lei».