Este evento deportivo celebrarase o vindeiro domingo, 30 de outubro.

Sendeiros recuperados de Velle para a II andaina “Serra Mosteironda”

O municipio de Velle acollerá o vindeiro domingo, 30 de outubro, a segunda edición da andaina “Serra Mosteironda”, organizada pola asociación de veciños Santa Marta desta localidade, coa que se recuperarán antigos sendeiros do municipio.

O presidente da asociación de veciños Santa Marta de Velle, Francisco Sotelo, explicou que esta andaina é “unha actividade importante dentro da asociación, que levamos a cabo co fin de dinamizar a parroquia de Velle para que a xente de fóra e incluso do pobo, coñezan camiños, zonas e paseos que practicamente estaban abandonados e que coa andaina se poñen de novo en valor”.

En canto á proba deportiva conta con dous traxectos, un longo de 18 quilómetros, e un curto de 10 quilómetros “cun percorrido accesible para calquera persoa porque non ten moita esixencia e a través do cal, os participantes poderán gozar das magníficas vistas e zonas que ofrece o municipio”, dixo David Hermida, vogal da A.VV. organizadora. A saída da proba terá lugar ás 9.30 horas, na área recreativa O Palao.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro venres, 28 de outubro, e o custo da inscrición é de 5 euros que inclúe ademais da andaina “dous avituallamentos, un obsequio, e aperitivos ao finalizar a proba”, afirmou Francisco Sotelo.

En canto ao número de participantes, o presidente da asociación asegurou que “tendo en conta que na primeira edición contamos con 160 persoas, nesta ocasión esperamos chegar aos 250 participantes”.