As novas actuacións súmanse á que se licitou no mes de setembro para actuar na rúa do Vilar 1, que visitou a conselleira Ethel Vázquez.

A Xunta rehabilitará a principios de 2017 novos edificios no casco vello

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, xunto coa secretaria da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, e o alcalde, Jesús Vázquez, visitaron o casco vello de Ourense, onde salientou que a Xunta licitará a principios de 2017 novas actuacións de rehabilitación como a do número 14 da rúa Cervantes, onde haberá tres vivendas, e o edificio Vilar, 3 e 5, que contará con outras tres, cun investimento de case un millón de euros.

Vázquez Mourelle, que puxo en valor as accións de rehabilitación, subliñou a determinación de continuar con este traballo nos próximos catro anos, con actuacións directas que se activarán tamén noutras cidades galegas e que se incluirán no Plan Rexurbe, co que se recuperarán máis de 1.500 vivendas, 350 locais comerciais en máis de 500 edificios.

A responsable de Vivenda en funcións lembrou que Galicia hoxe é referente a nivel estatal neste eido, por iso a Xunta continuará impulsando o conxunto de medidas integrais que van desde programas de axuda ao financiamento de obras de rehabilitación ata as actuacións directas acometidas pola Administración autonómica.

Estas intervencións de rehabilitación directas, no caso concreto do Casco Vello de Ourense, permitiron recuperar xa 10 edificios dos que se obtiveron 22 vivendas e que supuxeron investimentos que superan os 3,1 millóns de euros.

A finais do mes de setembro licitouse unha nova actuación de rehabilitación do edificio número 1 da rúa do Vilar, por importe de 406.000 euros, do que se obterán dúas vivendas de promoción pública. Para executar estas obras un total de 8 empresas presentaron ofertas e prevense adxudicar antes de que remate o ano.

Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta pola conservación e revitalización desta cidade, no interese por recuperar unha zona tan emblemática para o desfrute de todos os ourensáns, así como no afán por crear máis vivenda protexida para garantir un fogar digno ás familias con menos recursos.