O remate das obras está previsto para finais de decembro.

As obras do novo centro de saúde de A Valenzá avanzan conforme aos prazos, polo que seu remate, previsto para finais de decembro, permitirá a Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde de Ourense poñer en funcionamento as novas infraestruturas sanitarias para os veciños de Barbadás o vindeiro mes de xaneiro.

Na súa visita ás obras do novo centro de saúde da Rúa das Burgas, a responsable da sanidade pública en Ourense, Eloína Núñez, destacou que o novo centro xa conta co novo mobiliario e material previsto polo que, á entrega das obras, procederán ao equipamento para súa apertura á maior brevidade, permitindo que os usuarios de Barbadás se beneficien das novas intalacións, que cuadriplican o espazo dispoñible na actualidade.

Mais persoal e servizos
Asemade, a xerente destacou que esta esperada ampliación de espazo permitirá incrementar o persoal e servizos deste centro de saúde, o que ata agora non era posible derivado das limitacións de espazo do actual. A principal mellora de cara aos usuarios será a posta en marcha dun novo servizo de Saúde Dental, e creación de tres novas prazas de persoal, Odontólogo, Hixienista Dental, ademais dunha auxiliar de clínica e persoal non sanitario.

Ademais, a Xerencia está a valorar a ampliación do servizo de medicina familiar e comunitaria cun médico e unha enfermeira mais, o que mellorará a ratio de pacientes por médico, tendo en conta as previsións de crecemento poboacional deste concello períferico de Ourense, posibilitando unha atención máis individualizada e de calidade.

Xunto a iso, a nova área de saúde materno infantil do novo centro de saúde, situada na pranta baixa do novo edificio, na que se sitúan as consultas de pediatría, matronas e programa da muller, permitirá a implementar os cursos de preparación ao parto, xa que contarán cunha nova área de educación maternal, cunha sala ximnasio para a organización destes obradoiros.

Amplos espazos e consultas
O novo centro de saúde, situado nunha parcela de 3.666 metros cadrados, cedida polo Concello de Barbadás, terá unha superficie de 1.952 metros cadrados, 1.268 útiles, distribuídos en dúas plantas, cun gran patio central que permite a entrada de luz natural a todo o interior, e dúas amplas de acceso exterior, cunha gran praza aberta con bancadas o que permitirá seu uso como espazo público.

O novo centro de saúde contará cun área medicina xeral, situada na primeira planta, con dez consultas de medicina e enfermería, ademais dunha consulta de saúde dental. Pola súa parte, a área materno-infantil, na planta baixa, conta cunha sala de educación maternal, consulta de matrona, dúas consultas de pediatría, dúas de enfermería pediátrica, salas de mostras, técnicas e sala polivalente, consulta da muller, consulta de atención urxente, biblioteca e salas de estar e de xuntas para o persoal.

O importe da obra, que está a realizar a Unión Temporal de Empresas (UTE) Extraco S.A. e Misturas S.A., é de 3.087.114 euros, cofinanciada ao 80% polo programa operativo Feder.