O encontro informativo estivo presidido polo alcalde, Jesús Vázquez, e polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García.

O Concello de Ourense convoca unha reunión con axentes inmobiliarios da cidade para impulsar o Programa de Vivendas Baleiras da Xunta

O Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu unha reunión informativa con axentes da propiedade inmobiliaria da cidade, convocada polo Goberno Municipal, para impulsar o Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia.

Este encontro estivo presidido polo alcalde, Jesús Vázquez, e polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García. Tamén participou nesta reunión o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, así como técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e do propio Concello.

O obxecto da reunión foi expoñer as particularidades deste Programa de Vivendas Baleiras, onde a Xunta aporta ata o 70% do custe do aluguer, ata un máximo de 350 euros. Na cidade están postas a disposición deste programa un total de 3 vivendas, habendo ademáis 26 solicitudes para optar a elas. O alcalde, Jesús Vázquez, agradeceu á Xunta a posta en marcha deste programa e manifestou a súa importancia para dotar de vivendas ás familias que así o precisan, con toda garantía para os seus propietarios.

Pola súa banda, o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, salientou que o Concello de Ourense foi o primeiro en adherirse a este programa da Xunta de Galicia, e salientou o traballo desenvolvido pola administración local ourensá para xestionalo. Asemade, destacou a importancia da reunión desta mañá polo que supuxo: dar a coñecer aos axentes inmobiliarios este programa para que os propietarios de vivendas baleiras da cidade se acollan a esta iniciativa de marcado carácter social.