A compañía ourensá iLMaquinario Teatro presenta 'Resaca', que esta mesma tarde.

‘Resaca’ no Auditorio ata o luns 30

A compañía ourensá iLMaquinario Teatro presentou a súa última proposta escénica, Resaca, que se estreará este mesmo xoves ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.

A obra, dirixida por Tito Asorey, pretende “pórlle freno á velocidade da sociedade actual, que tira sempre para adiante”, en palabras do seu director, e “celebrar a fin de festa”. E faino con diferentes linguaxes sobre o escenario: poesía, performances, música… “Unha proposta multidisciplinar”, segundo o alcalde, Jesús Vázquez, “que permitirá aos espectadores sorprenderse, emocionarse, vivir”.

Logo de adaptar textos ingleses e alemáns, Resaca é unha obra de inspiración colectiva e cunha dramaturxia propia. Unha obra máis “achegada á sociedade, máis política”, en palabras do seu director, que lle agradeceu ás institucións (Concello de Ourense e Agadic) a posibilidade de facer “teatro en liberdade”. A obra vai, ademais, acompañada por unidades didácticas que permitirán achegar o teatro aos colexios e intercambiar opinións o vindeiro luns 30 de xaneiro con senllas funcións para escolares, ás 11:00 e 16:00 horas.

Durante a presentación, Asorey quixo destacar o bo estado de saúde do teatro galego: “A dramaturxia galega está en eclosión, hai moita xente facendo teatro de moito nivel”, dixo. E é que iLMaquinario, que naceu en 2012 con actores formados na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), está actualmente nominada ao premio á mellor dirección pola Asociacións de Directores de Escena de España por Perplejo, a súa obra anterior. Comparten nominación con nomes tan importantes como Helena Pimenta, do Centro Nacional de Teatro Clásico, ou Ernesto Caballero, do Centro Dramático Nacional. O suspense resolverase o vindeiro 14 de febreiro.

Resaca poderá verse no Auditorio Municipal o xoves 26, venres 27 e sábado 28 ás 20:30 horas, o domingo 29 ás 19:00 horas, e o luns 30 haberá dúas funcións para escolares. No mes de marzo, estrearán a obra en Euskadi.