O conxunto norteafricano xa ten velocidade de cruceiro despois dun mal inicio de tempada.

Melilla agora si que é o “coco”

O Club Ourense Baloncesto visita ao Melilla este venres. O partido nada terá que ver co da primeira volta na que os ourensáns lograron a vitoria diante dos norteafricanos.

O Melilla xa ten velocidade de cruceiro despois dun mal inicio de tempada, polo que agora si que é un dos “cocos” na LEB Ouro.

Naquel partido da quinta xornada, os homes de Gonzalo García de Vitoria dobregaron a un Melilla con moitas dúbidas. Lesións e unha tardía adaptación fixeron que o equipo dos ex cobistas Suka Umu e Pedro Rivero non levantaran cabeza no arranque da competición. Unha volta despois, o Melilla é o equipo que todos temían, o que o levou a adiantar na clasificación ao Club Ourense Baloncesto e situarse en postos de playoffs.

Teñen moi complicado lograr a primeira posición, pero do que ninguén dubida é que de que será un dos equipos que se disputen o ascenso, sendo incluso un dos máis claros favoritos a acadalo.
Tanto melillenses coma ourensáns suman 12 vitorias, polo que unha vitoria no Javier Imbroda sería un gran botín para o cadro cobista.

De todo
Para o técnico ourensán o Melilla ten “a mellor plantilla da Liga”. “Ten de todo e moi pouco malo”, aseguraba o vasco. E é que os Almazán, Arteaga, Manzano, Ott, Van Wijk, Rivero e Suka Umu forman un plantel temido. Nomes que o son todo na LEB Ouro diante doutros que se queren facer un oco.

García de Vitoria apelaba a unha frase moi citada por el cando se enfronta a un gran equipo: “xogar contra o Melilla é como cando te queres tapar cunha manta pequena; se te tapas a nariz enfríanche os pés e se o que te tapas son os pés, o que che enfría é a nariz”, en comparación co que terían que facer os seus xogadores para frear o potencial do rival.

Resto da xornada
O partido máis interesante desta xornada é o que enfronta ao primeiro contra o segundo clasificado: Oviedo e Palencia. Os dous están empatados a vitorias, xunto a Retabet, ao fronte da clasificación, con 15 partidos gañados.