A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou a zona xunto ao alcalde de San Cibrao e a delegada territorial da Xunta en Ourense.

Señalización mellorada na Boutureira

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron hoxe o concello de San Cibrao das Viñas, xunto co seu alcalde, Manuel Pedro Fernández, para comprobar o resultado da mellora da accesibilidade dun dos seus principais recursos turísticos, a área recreativa da Boutureira.

Esta intervención está enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que Turismo de Galicia destinou en 2016 para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo desta liña de subvencións, a través da cal o concello de San Cibrao das Viñas recibiu unha achega de máis de 37.000 euros, é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

Neste senso, afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

A directora de Turismo de Galicia explicou que mediante esta liña de subvencións se axudou un total de 82 concellos a mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais. Neste senso, Nava Castro destacou que destes concellos un total de 16 se encontran na provincia de Ourense.

Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, grazas a estas axudas, os concellos do medio rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.

Ademais, Nava Castro engadiu que esta liña posibilitou a construción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribúen a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes. “Así mesmo, con este investimento, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil”, explicou.

Máximos históricos no turismo rural
Nava Castro concluíu manifestando que con estas iniciativas estase a potenciar o medio rural da nosa Comunidade e a consolidar Galicia como un destino turístico accesible para todos.

Neste senso, afirmou que, segundo os últimos datos do INE, correspondentes ao ano 2016, o turismo rural de Galicia rexistrou un incremento do 8,7% nos viaxeiros aloxados, superando os 210.000, e dun 17% das pernoitas efectuadas polos eles, con preto de 423.000, cifras que, segundo sinalou, supoñen máximos históricos.