Manuel Baltar representou aos territorios termais de Europa.

O presidente da Deputación presetou o “Atlas Termal” en Bruxelas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en representación dos territorios termais de Europa EHTTA, presentou en Bruxelas o proxecto do “Atlas Termal Europeo” a maior base de datos sobre recursos termais en Europa, para o estudio e divulgación do patrimonio termal europeo. O Atlas, desenvolvido polo comité científico da EHTTA, está estruturado nun Sistema de Información Xeográfica con categorías que abranguen datos de: municipios, mananciais, fontes, balnearios, hoteis, vilas termais, ocio, natureza, servizos, industria, investigación, eventos, imaxe e turismo; facilitando a comparación a diversas escalas.

Trala aprobación en outubro pasado do ingreso da provincia de Ourense na Asemblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), Manuel Baltar vén de ser designado representante dos territorios termais europeos para presentar en Bruxelas “unha ferramenta que permitirá coñecer máis e mellor os recursos das provincias, das cidades e das vilas termais de Europa”, explicou Baltar, destacando que a provincia de Ourense “terá un papel protagonista, dadas as singularidades de saúde, ocio e natureza que ofrecen o noso termalismo e a marca Ourense”.

Presentouse o Atlas Termal ao departamento de referencia de asuntos de Termalismo, que dirixe o comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte da Unión Europea, Tibor Navracsics. Acompañado de Paul Simons e de Mario Crecente -presidente e vicepresidente do comité científico da Rede de Territorios Termais de Europa-, Manuel Baltar puxo en valor “as potencialidades dos recursos económicos e turísticos que o termalismo ten en Europa, continente coa maior riqueza e tradición termal do mundo”. Baltar expuxo ademais as fortalezas do termalismo da provincia de Ourense, integrada na rede termal máis importante de Europa, na que están presentes 40 membros de 13 países, e na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

O “Atlas Termal de Europa” ten como finalidade compilar e xestionar a información sobre recursos e valores dos territorios termais europeos desde o punto de vista natural, cultural e intanxible. Este proxecto tivo a súa orixe no Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e no Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais, avalado polo Consello de Europa, e foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar de expertos en termalismo, patrimonio, historia, paisaxe, urbanismo e turismo, coordinados por Mario Crecente, redactor do plan “Ourense, a provincia termal”.

Manuel Baltar, como comisionado dos territorios termais de Europa para presentar en Bruxelas esta iniciativa, por delegación de Giuseppe Belandi, presidente da EHTTA, considera que o termalismo do século XXI “pasa por conxugar historia e innovación, facéndoos complementarios para que o interese polos recursos termais chegue a un amplo abano de idades”. Para elo, afirma que o turismo termal “ten que seguir apostando, como facemos na provincia de Ourense, pola innovación ao servizo da xestión, e deu conta á Comisión Europea da iniciativa que xa presentou recentemente en Madrid: a realización dun “pacto termal nacional” para promocionar o termalismo español no mercado internacional. “Podemos crecer moito neste sector –explicou Baltar- poñendo de acordo ao sector privado, ás institucións públicas e aos usuarios, e traballando todos na mesma dirección para xerar áreas de atracción turística ao redor da riqueza termal de cada territorio”.