A Deputación Provincial investiu 60.000 euros na adquisión desta ambulancia asistencial de tipo B de Soporte Vital Básico.

A Deputación de Ourense entrega a Cruz Vermella  unha nova ambulancia para emerxencias

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, presentaron esta mañá a nova ambulancia de soporte vital básico que vén a substituír no parque móbil dos equipos de socorros e emerxencias a outra ambulancia que despois de 10 anos de servizo será retirada segundo establece a normativa vixente sobre transporte sanitario; este vehículo fora tamén financiado no seu día pola Deputación Provincial.

Esta doazón súmase á realizada o pasado ano, cando a Deputación subvencionara a adquisición doutra ambulancia das mesmas características para Cruz Vermella.

Trátase dunha ambulancia asistencial de tipo B de Soporte Vital Básico, dotada de desfibrilador externo semi-automático con, material de inmobilización (férulas de vacío, colchón de vacío, padiola de culler, collaríns cervicais, entre outros), equipos de osixenoterapia, aspirador de secrecións, taboleiro espinal, inmobilizador de cabeza, cadeira oruga para evacuación de pacientes por escaleiras, bancada e camilla, aparataxe de electromedicina, neveira e quentasoros, sistema de retención infantil, mochilas con material para soporte circulatorio e primeiros auxilios, etc. O mobiliario do interior está fabricado en material ignífugo e hidrófugo acorde, segundo as recomendacións da UE en materia de seguridade, tomas de corrente e de osíxeno, climatización, iluminación interior con focos LED e asentos orientables na cabina asistencial, cun total de 6 prazas no vehículo.