Celebrará a súa segunda edición no venres, 9 de xuño.

Chega a Verín a “Shopping Night”

O vindeiro venres, 9 de xuño, a Asociación de comerciantes da vila de Verín (AEVER) organiza –coa colaboración do Concello de Verín, AEHCOM, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia- a segunda “Shopping Night’ de Verín na que sesenta comercios da asociación abrirán as súas portas desde as 20:00 ata as 00:00 da noite, con promocións, descontos e animación nas rúas co obxectivo de estimular o comercio local e ofrecer unha noite chea de sorpresas e emocións.

A iniciativa foi presentada na sede de AEVER polo presidente do colectivo, José Ángel Rodicio, que estivo acompañado polo xerente da asociación, Santos Álvarez.

O programa da  segunda edición da ‘Shopping Night inclúe un gran sorteo de cinco cheques regalo de 50 euros e vinte cheques de 20 euros e tickets desconto para os establecementos hosteleiros asociados a AEHCOM. O sorteo, no que participarán todas as persoas que compren durante a noite de compras, será público (non presencial) e terá lugar o martes día 13 ás 20:00 na sede de AEVER. Os gañadores serán informados vía telefónica e terán un período de 15 días para gastar o cheque, integramente, nas tendas participantes.

Todos os establecementos participantes na campaña Shopping Night serán facilmente recoñecibles xa que terán no seu exterior unha alfombra vermella e globos de helio.

Durante a noite de compras, a empresa Saudeter será a encargada de ofrecer a animación nas rúas con ambientación de temática circense con zancudos, música, escuma e un coche caracterizado para a ocasión.

Ven a comprar con perruca
Como novidade, este ano AEVER realizará un divertido concurso nas redes sociais. Todas as persoas que se acheguen a comprar con perruca e suban unha fotografía a Facebook, Instagram ou Twitter utilizando o hastag #NoiteDeCompras e #NoitedeComprasVerín, participarán nun sorteo dun cheque regalo de 50 euros. Ao finalizar a campaña todas as fotografías subiranse ao facebook oficial de AEVER e a que consiga mais “me gusta” será a gañadora.

Máis información: http://ccaverin.com/shopping-night-verin-2017/