Celebrarase do 17 ao 21 de xullo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no Teatro Principal e no Conservatorio de Ourense.

A II edición do curso de “Música antiga” achega estas melodías a aulas e escenarios

A música antiga volve ás aulas e aos escenarios e faino do día 17 ao 21 de xullo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no Teatro Principal e no Conservatorio de Música de Ourense, lugares que acollerán concertos, conferencias e clases desta vertente musical con motivo da segunda edición do curso de Música Antiga.

Este ano, o curso conta con catro novas especialidades instrumentais respecto da primeira edición que son: violín, viola, violonchelo e gaita barroca, chegando así a estar presentes un total de 10 especialidades e de 12 profesores.

A programación do curso dará comezo o día 17 de xullo, no Conservatorio de Ourense, de 10.00 a 13.00 horas para o alumnado de cordas, conferencia e obradoiro de encordado e, ás 21.00 horas, as actividades trasladaranse ao Teatro Principal co concerto de apertura a cargo de Música Aurensiana. Ao día seguinte, a sede de actividades do curso será o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación onde, ás 19.15 horas, ofrecerá Paulo Gonçalves unha conferencia sobre “Aspectos iconográficos da Gaita fole na Idade Media” e, ás 20.30 horas, será a quenda para Mar Blanco quen falará de “Retórica Musical” onde “analizarei en pezas musicais, con vídeos e audios, cómo a retórica influíu na composición musical, non soamente literaria, na música barroca e renacentista, vai ser unha conferencia que se apoiará sobre partituras e audios e para cal non se requiren coñecementos previos”, dixo a propia Mar Blanco.

O mércores, 19 de xullo, as actividades volven ao Conservatorio, con concertos, a partir das 19.15 horas, a cargo de Eliot do Socho (clave) e despois será a quenda para Luís Martínez Pueyo ao traverso acompañado por María del Mar Blanco. Ao día seguinte, as actuacións musicais celebraranse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a partir das 20.15 horas, cun concerto cocktail de Música Aurensiana aderezado cunha cata do viño Xiana da adega Chan do Couso. Por último, o venres días 21 de xullo, terá lugar o concerto de clausura no Auditorio CMUS de Ourense, xunto coa entrega de diplomas do curso. Asemade tódolos días de 10.00 a 13.00 horas e de 15.000 a 18.00 horas haberá clases das distintas especialidades no Conservatorio de Música de Ourense.

A asistencia aos concertos e as conferencias será gratuíta.