Estará ubicado en Casal de Amán, Camporredondo (Ribadavia).

Licitación para o novo Museo do Viño

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a reitoral de Santo André de Camporredondo (Ribadavia), onde se vai localizar o futuro Museo do Viño de Galicia, no que están implicadas outras institucións e entidades. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia anunciou que se acaba de publicar a licitación da fabricación e instalación do proxecto expositivo deste centro, por importe de 713.641,54 euros.

Segundo explicou o conselleiro, o avance deste proxecto é posible grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Diocese de Ourense para prolongar a cesión deste edificio ao Goberno autonómico durante outros 25 anos máis; un trámite que se realizou baixo as máximas garantías administrativas e xurídicas. O obxectivo é que este museo sexa o encargado de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia, e que estea en funcionamento no ano 2019.

Dinamización da zona
Román Rodríguez sinalou que o Museo do Viño de Galicia contribuirá á dinamización deste sector produtivo, así como da propia comarca do Ribeiro e da provincia de Ourense, “xa que será un atractivo turístico indiscutible e un referente que incrementará o prestixio destas terras de tradición vitícola”.

Neste sentido o conselleiro destacou que o sector vitivinícola é fundamental en Galicia como piar básico da economía, da cultura, a tradición, e o medioambiente; e recordou que o seu departamento o está a impulsar a través dos ciclos de Formación Profesional da familia de Industrias alimentarias. Non en balde, o IES O Ribeiro, na mesma localidade de Ribadavia, imparte o ciclo superior de Vitivinicultura, o ciclo básico de Industrias Alimentarias e o ciclo de grao medio en Aceites de oliva e viños. Asemade, existen convenios de prácticas con tres entidades co fin de potenciar un constante contacto do alumnado co tecido socioprodutivo de cada comarca en prol da empregabilidade dos titulados de FP.

Por outra banda o conselleiro quixo salientar a xestión unificada e en rede que vai ter o centro museístico, en coordinación co Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Máis de 1,36 millóns investidos
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ten investido máis de 1,36 millóns de euros para restaurar e acondicionar a reitoral de Santo André de Camporredondo, dado que as obras que se acometeran nela por parte dunha escola obradoiro municipal non se adaptaban ás necesidades dun edificio dedicado á función de museo.

O Museo do Viño de Galicia incorporará os fondos históricos e etnográficos e a colección do viño do Museo Etnolóxico de Ribadavia, que constitúen a súa colección fundacional. Ademais do contido, o inmoble, que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico.