A Consellería de Cultura acaba de licitar os traballos.

A Xunta investirá 800.000 euros na restauración do Mosteiro de Oseira

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a licitación do contrato de obras para a conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, uns traballos cofinanciados polo Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 6. O importe de licitación das obras ascende a 791.945 euros.

O obxectivo da intervención é velar pola conservación deste senlleiro mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural, e que constitúe ademais un importante atractivo cultural e turístico para a súa contorna.

As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de limpeza e mellora na cuberta, na carpintería, en diferentes portas do conxunto, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento. Así mesmo, substituirase a cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos varios de limpeza, restauración de vexas, pintado e iluminación e repararase a fonte do Claustro de Cabaleiros.

Asemade, realizarase un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun plan director do monumento.