Diante do Santa Isabel.

Primeira derrota do Sala Ourense na Liga

Foi na terceira xornada da Terceira división nacional de fútbol sala cando o Sala Ourense colleitou a primeira derrota do curso. Foi en Outeiro de Rei ante o Santa Isabel co que perdeu por catro goles a tres.
Con esta derrota son quintos con seis puntos, empatado con catro equipos máis na clasificación (Pazos de Borbén, A Estrada, Talleres ABC Coruxo e Valdesuso Peugeot Vilalba). Ao fronte da táboa, un Sport Sala Culleredo que sorprendeu nesta xornada ao Pazos de Borbén a quen gañou como visitante por 0 a 6.

Encontro
No que se refire ao partido diante dos lucenses, os de Kike García fixeron o de case sempre: presión alta en toda a pista; os locais, pola súa banda, cedían a posesión e agardaban rápidas transicións para sorprender.
Tízón avisou cun tiro raso que desviou Cobas e cun tiro ao pau, pero sería a debutante Guerra o que poría o 0-1 tras unha boa acción colectiva.
Os locais levantados por unha gran afección responderon rápido primeiro cun tiro ao pau e logo co gol de Javi Río nunha transición de 2 para 1.
No final da primeira parte prodúcese a acción polémica e clave do partido. Transcorría o minuto 18 cando Tizón no borde da área regatea primeiro a un rival, sáelle outro defensor ao cal tamén regatea e cando se dispón a rematar recibe unha forte patada deste segundo defensor. O árbitro non sinala nada e Tizón vírase para manifestar a súa incomprensión ao árbitro e este o que fai é sacarlle cartón amarelo, como previamente xa vira outro ten que abandonar a cancha expulsado. Non sería o único, Kike García mostra á parella arbitral a súa desconformidade e tamén é expulsado.
O Santa Isabel acaba a primeira parte atacando contra unha defensa ourensá de tres, triángulo defensivo con Higua na punta e Bermejo e Rivero detrás, esa defensa consegue manter o minuto 29 segundos coa portaría a cero. Final da primeira metade con empate a un.

Comezou o segundo tempo cos ourensáns xogando en inferioridade durante 31 segundos. Foi cando xa ían a poder meter a un cuarto xogador cando os locais adiantáronse no marcador.
Souberon recompoñerse os oruensáns ante a adversa situación e, primeiro, Guerra, e máis tarde, Diego, dábanlle a volta ao marcador para poñerse con 3 a 2.
O tramo final do partido foi para a Santa Isabel, máis enteiro fisicamente e co pulo dunha sobordada bancada, insuflaron aos seus a garra necesaria para empatar no minuto 29 por medio de Carballo.
Nos últimos minutos os dous equipos quixeron gañar. Rubén con dúas paradas evitou o cuarto dos lucenses, pero era un aviso. A falta de 46 segundos foi a estocada; Fran ao segundo pau mete o gol que vale os tres puntos para o equipo de Outeiro de Rei. Co xogo de 5 Guerra tivo o empate, pero o porteiro local evitouno.

Ribeira
O vindeiro domingo, 8 de outubro, desde as 12:00 horas na cancha central dos Remedios, o Sala Ourense recibe a un duro rival: o Ribeira F.S. Os coruñeses son oitavos con cinco puntos.

Carballiño
O outro conxunto da provincia de Ourense na Terceira é o Carballiño. Os da vila do Arenteiro todavía non coñecen a vitoria e contan os tres partidos disputados por derrotas. A última fronte o Talleres ABC Coruxo co que perderon pola mínima (3-4).
Esta xornada visitan ao líder, Culleredo.