Para denunciar a brutal práctica que padecen millóns de mulleres no mundo.

A Sala Valente acolle a mostra “Erradiquemos a mutilación xenital feminina”

A exposición organízase con motivo da celebración, o pasado 11 de outubro, do Día Internacional da Nena, unha xornada que pretende fomentar o recoñecemento dos dereitos das nenas e dar a coñecer á opinión pública os problemas excepcionais que afrontan en todo o mundo.

A ilustración gañadora foi ¡Es una niña!, de Laura Oliver Velasco, realizada con tinta chinesa, acuarela, lapis e retoque dixital. Reflicte unha nena que mira a un móbil de berce, de cor rosada, culturalmente imposto ao feminino, e do que penduran 5 coitelas. O móbil cérnese coma unha ameaza camuflada baixo a forma de rito de paso de nena a muller. O título “Es una niña” é a frase que se di cando chega unha nena á nosa sociedade, sendo motivo de ledicia. Neste caos, sinala o terrible que pode ser en tantos lugares non tan afastados de nós.

A mutilación xenital feminina é unha atroz violación dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, do que segundo a Organización Mundial da Saúde teñen sido vítimas máis de 200 millóns de mulleres e nenas vivas actualmente nos trinta países de África, Oriente Medio e Asia onde se concentra esta práctica. Na maioría dos casos practícanse na infancia, nalgún momento entre a lactancia e os 15 anos.

A MXF comprende todos os procedementos que, de forma intencional e por motivos non médicos, alteran ou lesionan os órganos xenitais femininos. Non aportan ningún beneficio á saúde das vítimas, e poden producir hemorraxias graves e problemas urinarios, e máis tarde causar quistes, infeccións, complicacións do parto e aumento do risco de morte dos bebés.