Díaz Mouteira inicia así unha rolda de visitas polos concellos máis afectados pola vaga de lumes.

A delegada da Xunta visita as zonas afectadas polos lumes

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse aos municipios de Carballeda de Avia e Melón, para coñecer de preto e analizar cos seus veciños as súas necesidades logo dos incendios que sufriron hai unha semana, ademais de trasladarlles persoalmente toda a información sobre o decreto de medidas urxentes aprobado polo Goberno galego para paliar, na medida do posible, os danos causados polos lumes. Na visita Díaz Mouteira estivo acompañada polos rexedores de ambos os dous concellos, Luis Milia e Cristina Francisco, respectivamente.

No concello de Carballeda de Avia visitou, entre outras, a parroquia de Abelenda das Penas onde faleceu unha das vítimas da vaga de lumes. Alí explicoulles aos familiares as axudas que se concederán por falecemento, “axudas que, sen dúbida, non compensarán a perda humana pero sí aliviarán os danos morais e económicos”, afirmou Díaz Mouteira.

Ademais, Marisol Díaz percorreu as parroquias de Muimenta e Faramontaos, en Carballeda de Avia; e Moces e Covelo, no concello de Melón, onde os incendios arrasaron varias vivendas. A delegada lembrou que o decreto aprobado no pasado Consello da Xunta recolle que as persoas que sufriron perdas materiais, especialmente aquelas que viron como o lume afectaba as súas vivendas habituais, dispoñan tanto de asesoramento como de axudas. Establécense diferentes niveles segundo sexa a afectación e así, as vivendas que sexan residencia permanente e habitual serán beneficiarias de axudas ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, cun máximo que suporá o 75% do prezo dunha vivenda protexida no mesmo municipio. No caso das vivendas ocasionais poderán recibir axudas de ata o 40%. Polo que respecta aos danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade tamén estarán cubertos por estas axudas.

Díaz Mouteira pediulles aos dous rexedores un informe coa avaliación dos danos en infraestruturas públicas afectadas polo lume e recordoulles que o decreto da Xunta establece que as entidades locais tamén poden solicitar axudas co obxecto de cubrir os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios.

Colaboración institucional
A delegada territorial subliñou que estas axudas terán que complementarse coas que aproben outras administracións. Neste sentido, referiuse as xuntanzas que a Xunta manterá coa Delegación do Goberno, deputacións e a Fegamp para coordinar as axudas. “A colaboración institucional nestes momentos e ante esta situación catastrófica é fundamental. Sumando esforzos chegaremos a máis”, dixo Díaz Mouteira.
Inicia, deste xeito, unha rolda de visitas a distintos concellos afectados polos incendios co obxectivo de coñecer a súas necesidades concretas para informarlles da publicación nos próximos días de diversas liñas de axudas que permitirán afrontar de xeito máis áxil os danos ocasionados polos incendios.