Chega a súa 17ª edición.

Expociencia no Guillelme Brown

Expociencia chega a súa 17ª edición co obxectivo, un ano máis, de incentivar a investigación científica e divulgar os traballos de investigación que os alumnos e alumnas de Educación Primaria e Secundaria deste centro educativo realizan ao longo do curso. As “big ideas” dos inventores ao longo do tempo son as protagonistas desta edición de Expociencia.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de inauguración de Expociencia, a exposición anual que amosa as investigacións realizadas polo alumnado do colexio “Guillelme Brown. Díaz Mouteira percorreu os postos da mostra e coñeceu de preto os traballos que desenvolveron os escolares.

Díaz Mouteira felicitou ao profesorado deste centro pola convocatoria desta exposición xa que con esta iniciativa o alumnado “aprende xogando, ao converterse o estudo das ciencias nunha actividade doada e atractiva para os alumnos, ao tempo que aumentan a súa cultura científica” e animou a todos os participantes a avanzar na súa faceta científica e innovadora. A delegada territorial subliñou a necesidade de que as novas xeracións se mentalicen da importancia da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I).

O colexio Guillelme Brown leva organizando esta mostra de ciencia dende o ano 2001 e de entre todos os traballos presentados, aqueles que sobresaen son presentados e defendidos polos propios alumnos e alumnas en foros nacionais e internacionais.