A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou a iniciativa.

O Espazo Xove de Ourense facilitará o labor emprendedor da mocidade

A Xunta de Galicia transformará os actuais Centros Xove ou Casas da Xuventude en Espazos Emprende para que a mocidade poida crear e desenvolver iniciativas innovadoras e emprendedoras en instalacións adecuadas. Como novidade, os usuarios terán acceso a asesoramento formativo, empresarial e persoal para encamiñar os seus proxectos. A iniciativa, enmarcada no programa Lidera, foi presentada no Espazo Xove de Ourense pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez.

A responsable do departamento autonómico destacou que o fin destes novos espazos públicos de coworking, dinámicos e polivalentes, é tecer unha rede de apoio á empregabilidade da poboación xuvenil impulsando o espírito empresarial, é dicir, axudando aos mozos e mozas a xerar actividades profesionais e laborais na proximidade do seu ámbito territorial e que non o fagan sós. Nos momentos iniciais da súa idea de negocio poderán mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada e coaching persoal.

Cecilia Vázquez sostivo que con esta iniciativa pioneira “o Goberno galego quere facilitar a adaptación e a colocación de 500 rapaces e rapazas que non estean no mercado de traballo ou ben novos parados, a través da realización de actividades cara a unha procura activa de emprego, de mellora da súa empregabilidade e á posta en valor das súas inquietudes persoais”.

As titorías personalizadas incluirán acompañamento en autoemprego, cooperativismo, asesoramento en aspectos legais relativos á constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia, entre outros. Ademais, activaranse protocolos de intervención, seguimento e avaliación do proxecto, así como o seguimento de indicadores de resultados. Tamén se desenvolverá formación personalizada, incluída a on-line e coaching individual. Para o desenvolvemento destas actividades o prazo de inscrición abrirase en abril.

Cecilia Vázquez destacou que este acompañamento intentará adaptarse ao máximo posible á situación personalizada dos mozos e mozas, tanto naqueles casos que se encontren en situación de transición laboral para axudarlles a aclarar os seus obxectivos profesionais e a descubrir oportunidades e perspectivas laborais; como aqueles que se encontren nun proceso de emprendemento máis maduro, cunha iniciativa máis elaborada ou mesmo en marcha.

A rede de Espazos Emprende, iniciativa enmarcada no programa Lidera (Catalizador de oportunidades de emprego e emprendimiento novo transfronteirizo), inclúe os centros de Curtis, Noia, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa e Ourense, así como as oficinas transfronteirizas de Información Xuvenil Galicia – Norte de Portugal de Verín e Tui xa que esta rede abarca tamén o desenvolvemento económico transfronteirizo.

Proxecto Lidera
O proxecto Lidera foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) co obxectivo de promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.