Enfróntanse este domingo nos Remedios a partir das 12 horas.

Necesidade de vitoria para Sala Ourense e Carballiño

O Sala Ourense e O Carballiño, de Terceira División de fútbol sala, enfróntanse este domingo, 8 de abril, a partir das 12 horas no pavillón dos Remedios. Os dous conxuntos ourensáns chegan coa mesma necesidade de vitoria.
Mentres os capitalinos pretenden manter a raia aos seus rivais de cara a consecución do título de Liga, os da vila do Arenteiro queren seguir coa marcha vitoriosa das últimas xornadas para chegar ao final de curso con posibilidades de salvación.

Os de Kike García quererán quitarse o mal sabor de boca da última xornada onde perderon os dous primeiros puntos, ante o Campito, da tempada na casa. Aínda teñen unha marxe de 5 puntos sobre o segundo, A Estrada, e de nove co terceiro, Pazos de Borbén.

O Carballiño, pola súa banda, buscará manter a racha de tres vitorias consecutivas que lles permite, aínda que moi de lonxe, ver a loita pola permanencia máis preto. Agora están a sete puntos da salvación cando faltan por disputarse 18.
Será un partido vibrante, sen contemplacións onde os dous equipos xóganse moito dos obxectivos nesta liga.
A entrada será de balde; iso e a gran expectativa que xenera este duelo fará que as bancadas da cancha Central dos Remedios rexistren unha boa ocupación.

Primeira División
O resultado da última xornada (perderon fronte a Guadalcacín) deixa ao Cidade das Burgas cun pé e medio na Segunda División. A falta de experiencia, da maioría das xogadoras, unido á mala sorte en algún dos partidos disputados farán que as pupilas de Manolo Codeso baixen de categoría. A experiencia deste ano serviralles para ser unhas das favoritas a regresar o ano que vén á elite do fútbol sala.
Ao Ourense Envialia quédalle manterse entre os oito primeiros para participar na vindeira edición da Copa de España. Esta xornada, a número 23, o Envialia recibe ao UCAM -17 h do sábado nos Remedios- e o Cidade visita ao Alcorcón.
Os dous equipos caeron nas semifinais da Copa Xunta que finalmente foi a parar ao Poio -vencendo na final ao Burela-, da ourensá Iria Saeta.