Entrevista a Óscar Husillos, un dos abandeirados na nova xeración do atletismo español. Foi un dos candidatos a mellor atleta español de 2017.

“Agardo poder ir competir, adestrar ou simplemente gozar do atletismo na pista cuberta de Ourense”

Con 24 anos, Óscar Husillos, sufriu a amargura de quen na súa mellor carreira, ata o momento, foi descualificado por invadir outra rúa. Lonxe de derrubarse colleu máis folgos pensando nun futuro que pasa polo europeo deste verán ademais de Tokio 2020 e París 2024.

Como viviches a túa descualificación en Birmingham?
Óscar Husillos: “Estiven triste pero hai que recoñecer que foi ilegal. Un par de días malos despois de verte campión do Mundo e non ter nin a medalla nin a sensación de ser campión; a pesar do recoñecemento dos compañeiros e do mérito de realizar esa carreira -nesa carreira parou en 44.92 segundos o que sería récord de España, de Europa, dos campionatos e sexta mellor marca da historia en pista cuberta-. Tocou retomar os adestramentos e fixarse nos retos deste verán. Temos un campionato de Europa que quero dar o mellor de min e que agardo que sexa bastante máis que en Birmingham”.

Din que das derrotas se aprende, esta derrota é inusual.
Ó.H.: “Aprendín a ser máis forte, a valorarme máis e ser máis ambicioso. Agora os rivais coñécenme; antes eu os temía e agora eles temeranme a min”.

Fíxote madurar esta carreira?
Ó.H.: “Levo uns anos que profesionaliceime máis. Non é que me adique en corpo e alma a elo por que tamén teño clases pero decidín apostar estos anos polo atletismo. Pensando en Tokio 2020 e París 2024. Sei que podo estar alí e que podo loitar por algo grande”.

Vas seguir dando ledicias ao afeccionado?
Ó.H.: “Se o afeccionado goza conmigo eu gozo co traballo que fago. Son horas de sacrificio, aínda que teño tempo para os amigos. O de Birmingham foi un pao pero a xente gozou co que fixen, así que estou satisfeito”.

Temos unha recén estreada pista cuberta en Ourense. Agardamos ver a Husillos por ela.
Ó.H.: “Gustaríame correr nela. Recentemente un compañeiro batiu un récord de España baixando de 21 segundos -Pol Retamal parou o crono en 20.99 segundos nos 200 metros no Campionato de España sub 20 celebrado en marzo- e me dixeron que a pista é moi boa e moi rápida. Agardo poder ir competir, adestrar ou simplemente gozar do atletismo nesa pista. Ademais estou a catro horas de Ourense”.