O festival terá lugar este sábado no parque municipal.

A RomeríaRock Arenteiro, no horizonte

O Carballiño véstese de festa para recibir a RomeríaRock Arenteiro este mesmo sábado, día 26 de maio.

O Parque Municipal do Carballiño será a sede da primeira edición da RomeríaRock. Ás 11.30 horas realizarase unha procesión na honra de Freddie Mercury, artista elexido por votación do público para ser homenaxeado. Unha comitiva partirá desde a praza Maior para rematar no recinto onde se instalará un altar a Mercury que presidirá todos os concertos.

Os carballineses Nube Kingston serán os primeiros en actuar, sobre ás 12.30 h. Despois pasarán polo escenario 33 Malandras (14.30 h), Dakidarría (16.30 h), 13 Bats (18.50 h), Antiguo&Barbudo DJ (19.50 h), os locais Susie Q’S (20.15 h) e clausurará esta edición o grupo El Ultimo Ke Zierre (22.30 h).
Durante toda a xornada DJ Nunx será o encargado de conducir aos asistentes pola historia do rock.

Entradas
As entradas xerais pódense comprar en liña, tanto a través da páxina web arenteiro.romeriarock.com como do portal ataquilla.com, a 13 euros + gastos de xestión; e o mesmo día do evento no despacho de billetes a un prezo de 16 euros.