Durante unha reunión celebrada no Concello do Carballiño.

Elaborado o regulamento dos próximos xogos do Eixo Atlántico

O Secretario de Deportes do Eixo Atlántico elabora o regulamento dos próximos xogos que se celebrarán en Braga no 2021.

Dous eventos deportivos organizados polo Eixo Atlántico, os próximos Xogos de Braga e o I Torneo Internacional de Fútbol Infantil, entre outros temas, ocuparon o tempo da reunión convocada polo Secretariado de Deportes deste organismo, celebrada no salón de plenos do concello do Carballiño.

A reunión estivo presidida polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente do Secretariado de Deportes do Eixo Atlántico, Guillerme Aguiar, e o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal.
Tras darlle a benvida aos representantes dos concellos e deputacións integrados na comisión de deportes do Eixo Atlántico, tanto Francisco Fumega como Manuel Dacal, agradeceron a súa asistencia e puxeron en valor a importancia dos eventos deportivos organizados polo Eixo Atlántico. Sobre todo, referíronse ao Torneo de Fútbol Infantil que levará o lema de “X Memorial Fusi”.

O torneo disputarase o 1 e 2 de setembro, sábado e domingo, respectivamente, e terá lugar no estadio municipal de Espiñedo e no campo de fútbol da Uceira, coa participación de oito equipos, catro de Portugal e catro de Galicia, entre os que se atopa o do Carballiño por ser a vila organizadora.
Guillerme Aguiar tamén destacou a celebración en Braga dos próximos Xogos do Eixo Atlántico, previstos para o ano 2021, como un gran acontecemento deportivo que requería unha boa organización e un regulamento que lle dise realce, e por iso esta reunión ía ser importante para ir sentando as bases do mesmo.