O evento celébrase os vindeiros 28 e 29 de xullo na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, con actividades tamén en Pobra de Trives, nun programa que inclúe concertos, obradoiros, exhibicións e actividades tradicionais ao redor do mundo da gaita.

Os nenos gaiteiros e os cantos de seitura, novidades do “IX Certame celtibérico de bandas de gaitas”

Os nenos gaiteiros e os cantos de seitura –melodías populares que se interpretaban para acompañar o labor no rural- , son as principais novidades do “IX Certame celtibérico de bandas de gaitas”, que un ano máis se celebra na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, promovido pola Deputación de Ourense, coa colaboración da Xunta de Galicia, os concellos Manzaneda e Trives e OCA Nova Manzaneda. “Este é posiblemente o encontro máis importante de España no ámbito da gaita, que une natureza, tradición e cultura”, afirma Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense e creador deste certame hai 33 anos.

O evento celébrase os vindeiros 28 e 29 de xullo na estación de Manzaneda, con actividades que por primeira vez tamén se desenvolven en Pobra de Trives. “Concertos, obradoiros, exhibicións e actividades ao redor do mundo da gaita –afirma Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación-, para seguir poñendo en valor unha das máis importantes tradicións que temos en Ourense e Galicia: o noso instrumento senlleiro, a gaita, unha aposta pola nosa historia, o rural e a cultura con maiúsculas”.

No programa deste ano destaca a participación de nenos, mozos e maiores no “Fulión de Manzaneda”, unha exhibición de gaita que se celebrará o domingo 29 de xullo na estación de Manzaneda, ás 12.00 horas. Unha hora antes terán lugar as competicións de bandas de gaitas de 2º grao, coa participación da Escola de gaitas do concello do Bolo e agrupacións de Riós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Chantada, xunto co grupo “Xuntanza de Catalunya Junior” e “Ladies Band”. De seguido, terán lugar os concursos de Bastóns de mando e de Gaiteiros solistas, para deixar paso logo ás bandas de 1º grao: Xuntanza de Catalunya e Real Xuvenil. As actividades desta xornada rematarán coa tradicional ofrenda floral a Gabino García -quen da nome a este memorial musical-, e coa entrega de premios e a actuación conxunta das bandas participantes.

Previamente ao día grande, o sábado 28 de xullo terá lugar ás 12.30 horas na praza do concello de Pobra de Trives a mostra de bandas de gaitas, coa actuación das bandas Xuntanza de Catalunya, Real Xuvenil e a banda do concello de Trives, e pola tarde, ás 18.00 horas celebrarase o “I Serán da seitura de Manzaneda” (memorial Ludivina Pérez Ricoi), presentado por Manola Porto e que terá lugar na estación de Manzaneda. As actividades do sábado rematarán coa presentación do “Método de tambor galego”, de Andrés Vilán, e de seguido, celebrarase ás 20.30 horas a “Noite celta”, espectáculo no que actuarán Noriko Ishizuka con Lois Castro, a Real Xuvenil, Isidro Vidal, Óscar Ibáñez con Andrés Vilán, e as Cantareiras da Real Banda. Ao remate haberá unha queimada oficiada polo “druída” Gwynvid.