A carreira decana de Galicia chegará o domingo, 18 de novembro.

A San Martiño abre inscricións

A carreira pedestre popular San Martiño 2018 bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para aquelas persoas que desexen participar na próxima edición que terá lugar o día 18 de novembro. A emblemática proba ourensán, que chega a súa edición número 42, dará comezo coa saída da categoría absoluta ás 11 horas na ponte do Milenio para percorrer unha ruta pola cidade de 10 quilómetros que rematará no pavillón dos Remedios. A carreira, organizada polo Consello Municipal de Deportes, está no calendario oficial de probas en ruta da Federación Galega de Atletismo.

Inscricións
As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe ate o día 11 de novembro. O prezo será 5 euros para quen o faga antes do día 28 de outubro e 7 euros para quen o faga desde o día 29 de outubro ao 11 de novembro. As inscricións pódense realizar a través da páxina web do Consello Municipal de Deportes www.deportesourense.com e a web www.championchipnorte.com. O prazo de inscrición para optar á recollida anticipada de dorsal-chip e camiseta é ata o 3 de novembro de 2018.
A recollida de dorsais-chips e camisetas será o venres 16 de novembro de 16h a 20h e o sábado día 17 de 10h a 14h e de 16h a 20:00h no Recinto Feiral de Expourense, onde se celebrará a feira Sportur (Salón do Deporte e Turismo Activo). Se a inscrición se realiza como grupo, a recollida de dorsais-chips e camisetas será do mesmo xeito, nunca de maneira individual. Non se entregarán dorsais o día da carreira.

Carreira inclusiva
Como principal novidade desta edición número 42 está a incorporación dunha carreira, a Carreira Inclusiva, cunha distancia de 1.400 metros, para nenos e nenas de categoría benxamín (que naceran nos anos 2012 e posteriores), e persoas con diversidade funcional, que poderán ser acompañadas doutra persoa responsable. As restantes probas serán nas categorías de persoas adultas, escolares (que naceran entre 2007 e 2002, percorrendo 4,7 km) e cativos (entre 2008 e 2011), que percorrerán 1,4 km.