A quinta edición da carreira popular de Monterrei "Monterrei é 10" celébrase este domingo, 4 de outubro.

A primeira carreira da tempada, en Monterrei

A quinta edición da “Carreira Popular de Monterrei”, proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada, disputarase o vindeiro domingo, 4 de novembro, sendo “a antesala perfecta da “San Martiño”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo que tivo lugar no Pazo Provincial, e na que tamén participou o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez; o director deportivo da Asociación deportiva Limiactiva, Óscar Gómez; e o responsable da área de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

Óscar Gómez explicou que durante a xornada “desenvolveranse cinco carreiras, sendo a carreira absoluta homologada por terceiro ano consecutivo”. A saída das probas, que terá lugar na rúa Progreso da localidade de Albarellos, será ás 10.30 horas para a carreira infantil-cadete que disputarán un percorrido de dous quilómetros; ás 10.50 horas será a quenda para a carreira das categorías de benxamín-alevín, cun percorrido de un quilómetro; ás 11.15 horas será a carreira absoluta, cunha distancia de 10 quilómetros, homologados pola Federación; ás 12.35 horas sairán os da categoría prebenxamín cun percorrido de 400 metros;e ás 12.45 horas celebrarase a carreira de pitufos de 200 metros de distancia. A clasificación será absoluta e por categorías.

Inscricións
Os interesados en participar teñen de prazo ata o día 1 de novembro para inscribirse a través da páxina web sportmaniacs.com, sendo a cota da inscrición de 5 euros para a carreira absoluta e as carreiras escolares serán de balde. Neste sentido, o alcalde de Monterrei adiantou que esperan “superar os 200 participantes do ano pasado”.

Por equipos
Os que queiran formar equipo deberán mandar un correo electrónico a limiactiva@gmail.com e indicar o nome dos catro atletas que conforman o equipo. Como mínimo, deberá haber unha muller.