Contará cun posto solidario para axudar a familias necesitadas.

A solidariedade chega á Feira de Nadal de Verín

Os próximos sábado e domingo, 8 e 9 de decembro, a praza Maior de Verín acolle a IV edición da Feira de Nadal, organizada polo Concello de Verín. Na mesma, participarán 19 postos de artesanía, alimentación, decoración, regalos e doces.

Este ano tamén se habilitará un posto solidario, onde se recollerán alimentos de primeira necesidade para familias necesitadas, xoguetes novos ou usados (sempre en boas condicións) para os nenos e nenas máis desfavorecidos da vila, e alimentos e utensilios para mascotas (cans e gatos) recollidas na rúa. Nesta recollida colaboran Cruz Vermella, Femuro, Portas Abertas e Proanimais Verín.

A feira contará tamén con animación, talleres, concursos e música para os máis cativos e con sorteos de productos típicos de nadal doados polos expositores. Ao igual que na pasada edición, a Feira de Nadal contará coa participación activa das nenas e nenos da vila, con postos onde porán a disposición dos veciños os seus propios productos artesanais.

O horario de apertura das casetas da Feira de Nadal será de 11:00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e o programa completo de actividades é o seguinte:

Sábado, 8 de decembro
– 17h Taller para os máis cativos de maquillaxe e tatuaxes
– 19h Visita de Papa Noel
Domingo, 9 de decembro
– 17h Taller de chapas e decoración
– 19h Visita do apalpador