É unha colección de Carlos Costoya de 30 obras de pequeno e grande formato de técnica tradicional, óleo sobre lenzo.

Exposición ‘Terra adentro’, no Museo Municipal

As salas I e II do Museo Municipal acollen, até o 10 de febreiro de 2019, a exposición Terra adentro, do artista ourensán Carlos Costoya. Trátase dunha colección de 30 obras de pequeno -paisaxe- e grande formato -retratos- de técnica tradicional, óleo sobre lenzo, que fan da mostra “un exemplo de implicación e coidado dos materiais”, en palabras de Eva Torres, directora do espazo expositivo.

Terra adentro describe un traballo de concepto e de reflexión, unha homenaxe aos paisaxes máis nosos. “Levo 25 anos de bodegueiro na Ribeira Sacra, estas paisaxes son as fontes das que me alimento”, resume o autor. A beleza colorista en tons fríos, pardos e na gama de ocres, contrasta con tons cálidos coma o vermello, que reforzan a imaxe central. Así, a exposición versa sobre a terra que habitamos e os seus personaxes, e nela hai un discurso intimista que non elude a crítica social en moitos dos seus lenzos.

Costoya é fillo da artista Maite Vázquez, quen colaborou durante moitos anos en actividades artísticas e educativas do Concello de Ourense. “Temos estilos diferentes”, dixo na presentación, “pero grazas a ela sempre tiven moitos materiais ao meu alcance”.

“Xa levo 30 exposicións en 10 países diferentes, pero en Ourense levaba 9 anos sen facelo”, afirmaba Costoya na presentación. “Non hai moitos espazos, pero é certo que esta arte está en declive: impera o discurso da arte vertical”. Aínda así, a súa obra pódese ver en diferentes espazos, tanto públicos como privados, especialmente en azulexos.