Monicreques para as crianzas e un recital ao piano do ourensán Emilio Cid, entre a programación.

Variada actividade no Auditorio esta fin de semana

Monicreques, monólogos e música de piano. É a oferta do Auditorio municipal de Ourense para esta fin de semana.
‘Musicreques, contacontos musical’ é un espectáculo de monicreques con música en directo.
A narración oral acompáñase de rimas, cantos e soportes visuais para que os nenos e nenas participen da maxia dos contos. Estes son orixinas, escritos por Loreto Pérez e ilustrados por Alma Cendán. Entre outras cantigas non faltarán Cada cousa no seu lugar, O caracol viaxeiro, Xoguemos a adiviñar, Pío e Pía ou A galiña Carmiña.
Recomendado para crianzas de 0 a 4 anos no marco do programa Apego.
Haberá dúas funcións, hoxe venres ás 18 e ás 19 horas, e as entradas teñen un custe de 3 euros anticipada (ataquilla.com) e na billeteira desde dúas horas antes da función. Crianzas, gratis.

Monólogos
Este venres, desde as 21 horas, a sala principal acolle o 20º aniversario dos Monólogos-R e celebra a efeméride cun espectáculo a cargo de David Amor e Oswaldo Digón. Os monólogos contan co traballo de Touriñán. As entradas están reservadas para clientes da operadora de telecomunicacións R. As entradas resérvanse na web por orde de petición.

Concerto de piano
Emilio Álvarez Cid, formado no Conservatorio Profesional de Ourense e no Superior de Música de Madrid, traballa actualmente como docente do CMUS Profesional de Vigo. Ten actuado en diferentes ciclos de concertos en Madrid, Illas Baleares, ou Londres.
O seu concerto, este sábado ás 20 horas, con entrada de balde até completar aforo, percorrerá os grandes mestres, caso de Schubert e Liszt, Beethoven ou Mendelssohn.