As carreiras dos domingos adiántanse ás 11 da mañá.

O Correndo por Ourense regresa en maio

Seis carreiras populares que percorren outros tantos barrios da cidade, para atletas de todas as idades e niveis competitivos. Esta é a proposta do circuíto Correndo por Ourense, que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello.

Esta novena edición, que comezará no mes de maio, cunha dobre cita: nos barrios do Vinteún (día 5) e do Couto (día 25, proba nocturna). Continuará o 30 de xuño, polo centro da cidade; o 8 de setembro, na zona universitaria; o 29 de setembro, na Ponte; e rematará o domingo 20 de outubro, na Carballeira.

A directora do evento, Marta Míguez, salientou que “trátase dun circuíto que cada vez conta con máis participantes e cunha maior presenza feminina. Así, dos 1.500 participantes do pasado ano, preto dun 35% foron mulleres”.

Inscricións
Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web [www.deportesourense.com]. O prazo de inscrición está aberto até o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba. Ten un custe de 7 euros (para as 6 carreiras) para as categorías sub18, sub23, sénior e máster. Para as demais categorías será gratuíta.

A inscrición e o dorsal son únicos para todo o circuíto. Por tanto, as persoas inscritas nalgunha carreira quedan automaticamente inscritas para todas as probas restantes e deben conservar o dorsal en boas condicións. É obrigatorio levar o chip na zapatilla e o dorsal ben visible no peito. A recollida presencial dos chips e dorsais antes da primeira proba realizarase o sábado 4 de maio de 2019 no pavillón dos Remedios de 10 a 20 horas. Todas as carreiras darán comezo ás 11 horas, agás a nocturna do Couto, esta ás 22 horas.

Para optar á clasificación final será preciso participar en, polo menos, 5 carreiras.
Calendario e distancias.

As distancias están pensadas para todos os públicos e segmentos de idade, xa que a filosofía destas probas é a participación. As distancias de cada categoría son aproximadamente: 100 metros para ‘Pitufos’ (até 7 anos); 1.500 m. para benxamíns (8-9 anos) e alevíns (10-11 anos); 2.400 m. para as categorías infantís (12-13 anos) e cadetes (14-15 anos), e 6.000 m. para o resto: xuvenís (16-17 anos), júniors (18-19 anos), promesas (20-22 anos), séniors (23-35 anos) e máster.