Ata 13 formacións dispútanse representar a Ourense no Congreso e Senado.

Tempo de decidir o voto

Este domingo 28 de abril os ourensáns temos unha cita coas urnas para decidir quenes serán os partidos políticos que representarán á nosa provincia no Congreso e o Senado.
Están en xogo catro postos de deputado e outros catro de senador, e ata 13 formacións compiten por convencernos de que son a mellor opción para lograr as prazas do Congreso e 12 delas por facerse coas do Senado. BNG, Ciudadanos, Compromiso por Galicia, En Común Unidas Podemos, En Marea, PACMA, Partido Comunista dos Traballadores Galegos, PP, PSOE, PUM+J, Recortes Cero, VOU e VOX son as trece alternativas.
Nas anteriores eleccións, o Partido Popular acadou tres dos deputados en xogo, o outro foi para o PSOE. Co mesmo resultado en canto a senadores.
Logo dun goberno en minoría do PP e unha moción de censura que situou a Pedro Sánchez na Moncloa os últimos dez meses, chegan unha eleccións anticipadas por falta de acordo. Pero, do mesmo xeito que a situación nas Cortes foi axitada nestes anos, o panorama político tamén mudou dende o 2016, e agora entre as formacións que loitan polo voto dos ourensáns figuran novas siglas que buscan o fin definitivo do bipartidismo tamén no reparto de escanos na nosa provincia.

Última hora
Os distintos partidos están a combinar estes días antes dos comicios os mítines cos grandes líderes das súas formacións con propostas.
Así, o pasado 16 de abril achegouse a Ourense o actual presidente do Goberno e candidato a repetir no posto polo PSOE, Pedro Sánchez, que participou nunha comida-mítin en Expourense, acompañado duns 500 simpatizantes, e deu un paseo polas Burgas e o Casco Vello. Na súa intervención, Sánchez animou aos presentes a traballar duro para lograr a vitoria o 28A e non fiarse das enquisas que sitúan ao PSOE como forza máis votada, a preto de 50 escanos da segunda, o PP. Entre outros, acompañaron ao presidente neste acto o candidato do PSOE á alcaldía de Ourense, Rafael Villarino, e a cabeza de lista ao Congreso, Marina Ortega.
Tampouco faltou á cita con Ourense Juan Carlos Monedero, cofundador de Podemos, que presidiu este 22 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel un mítin ao que non faltaron uns 150 simpatizantes da formación, así como representantes do partido en Galicia, como os candidatos ao Congreso por Ourense, A Coruña e Pontevedra, Ledicia Piñeiro, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz.
Monedero sinalou nesta cita que de gañar o bloque integrado por PP-Ciudadanos-Vox “retrocederemos 100 anos atrás”.
No caso do PP, foi o presidente da Xunta o que arroupou á candidata ourensá, Ana Belén Vázquez, nun mitín que tivo lugar este mércores 24 de abril.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, subliñou nesta ocasión que ata os que teñen carné e cargos en Ciudadanos e VOX deberían votar ao PP no Senado para que haxa unha maioría que apoie o 155. Segundo apuntou, os votos a estes partidos non rivalizan con Pedro Sánchez, senón que o benefician.
Pola súa banda, dende o partido de Albert Rivera, Ciudadanos, quixeron aproveitar estas últimas xornadas para demandar melloras para Galicia. Así, os candidatos ao Congreso polas provincias de Lugo e Ourense, José Manuel Blanco e Inés Iglesias, denunciaron a “paralización” que sofre “desde hai unha década” a construción da autovía A-56 entre Lugo e Ourense.
É unha infraestrutura iniciada fai mais de 10 anos e que sufriu sucesivos atrasos e paralizacións, de tal forma que a día de hoxe só hai un tramo de 8 quilómetros en obras, o da Barrela-San Martiño, cuxos traballos foron adxudicados no 2008. O resto da autovía atópase nin sequera sen licitar.
Ciudadanos considera “prioritaria” esta infraestrutura para a “vertebración da Galicia interior”. “Agora que a España baleirada alzou a súa voz debemos reclamar infraestruturas como esta, que son fundamentais para vertebrar o territorio e loitar contra o despoboamento” aseguraron. Esta infraestrutura beneficiaría a unha poboación de 250.000 habitantes.

Cruz Vermella
Cruz Vermella Ourense facilitará este domingo o traslado aos colexios electorais ás persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade que necesiten transporte adaptado e carezan de recursos económicos ou socio-familiares para facelo.
Para organizar este labor social, rógase ás persoas que o necesiten póñanse en contacto con Cruz Vermella Ourense antes do xoves 25 de abril ás 15 horas, chamando ao 988 22 24 84.

Entrevistas
Para que os nosos lectores decidan ou confirmen o sentido do seu voto, achegámoslles un cuestionario que trasladamos a todos os partidos que se presentan por Ourense.
É preciso aclarar que a candidata ao Congreso de Recortes Cero, Estrella Mo, non puido atendernos, e que non demos localizado aos de PACMA e do Partido Comunista dos Traballadores de Galicia (aos que lles mantemos aberto este medio para dar a coñecer as súas propostas). Pola súa banda,Vivir Ourense (VOU) rexeitou contestar ás nosas preguntas.
A nosa intención é amosarlle aos ourensáns as ideas das distintas formacións para mellorar a situación da provincia. Vostedes deciden.

Pincha aquí para acceder ás entrevistas.