Entrevista a Julio Vázquez, candidato do PSOE en Celanova.

“A nosa referencia vai ser o Concello de Vigo”

O PSOE chega a estas municipais cun novo cabeza de lista. Julio Vázquez preséntase cargado de ilusión.

Que o motivou a presentarse como cabeza de lista do PSOE?
Julion Vázquez: “Estiven máis de 30 anos traballando na empresa privada e levo 36 vivindo en Celanova, para min é un reto ao que me enfrento cheo de ilusión e decidido a ir a por todas.
Celanova non vai ben polo que estou seguro de que o meu equipo e máis eu revertiremos esa dinámica”.

Como definiría a situación actual de Celanova?
J.V.: “É delicada. Está tocada, non vai ben economicamente, hai desánimo no ambiente, ten graves problemas de envellecemento, de hastío da xuventude. Despois de máis de 30 anos de goberno do PP, a nosa vila non morre, mátana por inacción dun goberno de maioría absoluta que estivo tres anos sen presupostos e cando os aprobou foi máis do mesmo”.

Cal é o principal problema?
J.V.: “O principal, o urxente, é de índole económico. Os sectores económicos fan máis do que poden, pero necesitamos o impulso público da política municipal para que os negocios, as empresas, a hostelaría prosperen, xeren emprego. Ademais, necesitamos unha maior participación na política social, xestionada en exclusiva pola Mancomunidade”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
J.V.: “Imos conseguir darlle a volta a este pobo, a nosa referencia vai ser o Concello de Vigo. Historicamente temos moitas cousas en común con Vigo, ademais dunha vinculación estreita co PSOE de alí e co seu alcalde.
Empezaremos pola mellora económica, sendo referentes en xestión cultural, patrimonial e turística, cun modelo para xerar negocio a partir dos recursos que temos. Constituiremos unha empresa pública municipal para a que contrataremos, coste o que coste, un experto en xestión cultural e turística sempre baixo o impulso do goberno municipal. Esta empresa traerá dinamismo, negocio e emprego.
Proporemos unha rebaixa dos impostos e taxas municipais, como o IBI, o máis caro da provincia. Construiremos unha piscina climatizada e estudiaremos a implantación de coidadores do entorno rural e do medio ambiente. E levaremos a cabo un programa social tendo en conta as necesidades da xuventude, fundamentalmente das mulleres e adolescentes, neste caso para previr as adicións”.

Como definiría a lista do PSOE en Celanova?
J.V.: “É moi diversa dacordo cos tempos en que vivimos, a número 2 é asesora de empresas, o terceiro é médico de urxencias e músico, e tamén levamos una persoa especialista en traballos forestais e agrarios, un enxeneiro de telecomunicacións, unha estudante e deportista moi dinámica e activista, unha especialista en coidados de maiores, dous funcionarios, unha perruqueira, unha libreira, un especialista en mantemento… Un reflexo das nosas gañas de traballar”.

Que opinión lle merece a irrupción de Celanova Decide?
J.V.: “Que teñen todo o dereito, pero é un experimento que aparece nas horas baixas do PP. Aconteceu nos últimos anos do Mouriño e agora nas horas baixas de Ferro.
É complexo que un partido independente se manteña nas institucións porque o día despois hai que elaborar proxectos e buscar financiación, necesítanse contactos no mundo da política e portas as que chamar e nós estamos nun momento óptimo dada a vitoria socialista no Estado”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
J.V.: “Nós imos a gañar”.