Entrevista a Antonio Puga, candidato en Celanova por Celanova Decide.

“Celanova ten unha gran potencialiade de mellora”

Unha nova formación aspira a entrar na corporación municipal de Celanova, trátase de Celanova Decide, encabezada polo avogado Antonio Puga.

Que motivou Celanova Decide?
Antonio Puga: “A firme convición de que Celenova ten unha gran potencialidade de mellora que non se está facendo efectiva. Ademais, está o interese dos membros da candidatura por participar de maneira activa no Concello onde residen ou traballan, tamén a necesidade de aportar puntos de vista diferentes dos partidos tradicionais, así como o ánimo que nos deron moitísimos veciños”.

Como definiría a ideoloxía de Celanova Decide e á súa lista?
A.P.: “Como unha ideoloxía aberta, plural e variada onde o único que intentaremos que prime é o sentido común. No noso grupo caben opinións de todo tipo, porque o noso obxectivo céntrase na mellora da vila e o concello no seu conxunto. E no que se refiere aos compoñentes da lista, confío plenamente nas súas capacidades, máxime cando algún ten xa experiencia previa nestas tarefas”.

Como califica a situcaión actual de Celanova?
A.P.: “Como francamente mellorable. Sen desmerecer todo o bo que fixeron os sucesivos membros da corporación municipal, entendemos que Celanova, como cabeza da comarca, debe asumir o papel de máquina de tren do seu territorio e dos pobos limítrofes, sen limitarse a realizar meras labores de mantemento”.

Cal é o principal problema e que solución propón?
A.P.: “É a evidente escaseza de actividade social, laboral e económica que se dá no día a día da vila de Celanova en particular. E o remedio pasa polo fomento do turismo, intentando atraer visitantes, algúns ben próximos; así como pola posta en valor da agricultura e da gandeiría, potencialidades que á súa vez deben utilizarse para intentar fixar poboación nos pobos”.

Cal sería a principal medida que levaría a cabo?
A.P.: “Sería moi doado dicir que se construirá unha piscina climatizada, se instalará unha fábrica que creará 15 ou 20 traballos directos, se abrirá unha residencia para grandes inválidos, todas francamente boas. Pero non dependerían unicamente da vontade do grupo de gobemo ou dos concelleiros. Non obstante, se os veciños nos dan a súa confianza, faremos canto de nós dependa para que algunha delas se faga realidade”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
A.P.: “O aspecto máis próximo, pola inmediatez dos seus resultados, sería o fomento do turismo, que favorecería ao comercio, bares, restaurantes, hoteis, taxis… Sen esquecer os pobos darredor que hai que intentar dinamizar e facer atractivos. Esa actividade turística pasa por vender mellor a Capela de San Miguel, Castromao, a Igrexa de San Salvador, o Mosterio, a Biblioteca do Instituto, a praza Maior, o Órgano, Vilanova dos Infantes, a hostelería, unha vila máis humanizada…”.

Pactaría con algún partido para gobernar?
A.P.: “Non penso nun acordo para gobernar, senón en acordos para facer políticas ou actuacións de goberno en beneficio do conxunto. Non é de rigor excluir a ninguén sen antes sentarse a falar con el. A nosa pretensión é chegar ao Concello para sumar con todos, co PP, co PSOE e co BNG”.