Entrevista a Serafín Núñez, candidato á alcaldía de Barbadás polo BNG.

“Cómpre realizar unha revisión exhaustiva do PXOM”

Serafín Núñez substutúe a Fírvida como número un na lista nacionalista para estas municipais.

Como afronta ser cabeza de lista polo BNG en Barbadás?
Serafín Núñez: “Con moita ilusión e con grande responsabilidade”.

En que mellorou Barbadás nos últimos catro anos?
S.N.: “En democracia participativa e en xustiza social. Agora óptase en igualdade de condicións, tanto ao reparto de fondos públicos como a un posto de traballo. Tamén ampliamos servizos para a cidadanía, como o CIM, a Casa da Mocidade ou a mellora da atención aos núcleos rurais. Melloramos nos servizos sociais, aumentando algúns como o da Axuda no Fogar”.

Como definiría a situación actual de Barbadás?
S.N.: “Barbadás é un concello cun forte incremento urbanístico nos últimos anos, que de maneira desmesurada e irracional, sufríu unha transformación baseada na construción e intereses inmobiliarios. Agora toca dar servizos a toda esta poboación”.

E cal é o principal problema?
S.N.: “No relativo ao PXOM, cómpre realizar unha revisión exhaustiva do mesmo, reformándoo, para conquerir terreos para novas infraestructuras públicas (Centro de Día, un Instituto de Ensino Secundario e postobrigatorio, unha segunda Escola Infantil e unhas novas piscinas climatizadas) ou mesmo para dotar ao concello de parque comercial para as empresas que desexen instalarse acá”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
S.N.: “Seguir co traballo desenvolvido en materia de formación para desempregados, apoio á creación de empresas e actividades de dinamización e promoción do comercio local”.

Como definiría a lista do BNG en Barbadás?
S.N.: “Plural e renovada, que aglutina a experiencia de compañeiras que levan anos traballando na política municipal con xente nova que aporta o dinamismo preciso”.

E a irrupción dunha nova formación como é Espazo Común?
S.N.: “Descoñezo o grao de aceptación que terá ao non ter un traballo desenvenvovido no pasado”.

Gobernan en coalición co PSOE. Pactaría, cos propios socialistas ou con algún outro partido, para gobernar?
S.N.: “Se houbese que pactar para facer un goberno de progreso e frear á dereita, e se a nosa organización así o entende, faríamolo”.