Entrevista a María José Fernández, candidata por Ciudadanos en Barbadás.

“Queremos establecer unha rede de carrís bici”

María José Fernández Soto buscará que Ciudadanos entre na corporación municipal.

Por que Cs se presenta en Barbadás?
María José Fernández: “Pola situación de bloqueo que sofre o Concello e polas gañas de aportar ideas novas, propoñelas e acordalas cos demais grupos”.

Como definiría a situación actual de Barbadás?
M.J.F.: “Esgotamento de ideas do goberno actual que sempre anda a remolque das peticións e queixas veciñais”.

Cal é o principal problema e que solución propón?
M.J.F.: “A falta de seguridade en moitas rúas e camiños veciñais. Propomos a limpeza e mellora de sinais de tráfico das estradas municipais. Regular doutro xeito o tráfico da avenida de Celanova, co ensanche da Calzada Romana (vial que une o Carrefour co Campo de Futbol dos Carrís) desde o tramo do parque dos Patos ao Polideportivo”.

Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo?
M.J.F.: “Un mellor servizo de transporte público, entre os pobos e A Valenzá, e desde aquí con Ourense e os polígonos. Ampliar as piscinas municipais da Valenza, establecer unha rede de carrís bici, que uniría os colexios e zonas deportivas coas parroquias”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
M.J.F.: “A instauración da Ventanilla Única, para simplificar os procedementos administrativos dos emprendedores. Impulsar un polígono comercial, aproveitando o enlace coa A-52. E reducir os imposto e tasas a autónomos e PEMES, que se queiran instalar nas parroquias do rural”.

Como definiría a lista de Cs en Barbadás?
M.J.F.: “Está formada por persoas que nunca estiveron en política, pero con gañas de traballar para mellorar o noso concello”.

Ademais da vosa, que lle parece a irrupción de novas formacións en Barbadás?
M.J.F.: “É un reflexo da fragmentación política da sociedade, pero tamén pode ser unha oportunidade para a confluencia de novas ideas para o ben dos veciños”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
M.J.F.: “Os pactos, sempre se verían despois dos resultados”.