Concédeos a Xunta mediante catro liñas de actuación.

A provincia percibe un millón de euros para a promoción da igualdade

Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de máis de 1.065.047 euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados da resolución desta convocatoria de axudas.
En total serán 76 entidades locais ourensás as beneficiarias destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en catro liñas de actuación. A novidade deste ano a constitúe o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos.

Catro programas
Son catro liñas de actuación sendo a relativa ao apoio aos Centros de Información da Muller (CIM) as de maior dotación (630.760 euros) distribuidos en 15 centros beneficiando a un total de 50 concellos. A maior parte axudará a manter ás 40 persoas que traballan nos centros da provincia en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, que constitúen a novidade desta convocatoria, contarán coa axuda 27 entidades locais (24 concellos e tres mancomunidades). A contía será duns 170.000 euros.
Por outra banda, destinaranse 47.223 euros ao programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero que chegará a sete concellos. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con algo máis de 217.000 euros para financiar accións en 29 concellos ourensáns (21 entidades locais, 20 concellos e unha mancomunidade).