Entrevista a Antonio Puga, alcalde de Celanova por Celanova Decide.

“Celanova Decide é unha idea persoal e propia miña, amparada e apoiada por moita xente”

Esta nova formación, co respaldo de PSOE e BNG, puxo fin a 30 anos de goberno popular. A inscrición a ultima hora de Celanova Decide pasou desapercibida, pero catro meses despois a súa cabeza visible levantaba o bastón municipal, rematando coa hexemonía do PP en Celanova, a través dun pacto a tres co BNG e o PSOE. Antonio Puga, actual rexedor, fálanos dos seus plans.

Agardaba un resultado así?
Antonio Puga (A.P.): “Si. Agardabamos un resultado moi exitoso. De feito, a idea de presentarnos era para poder impedir que o PP acadase a maioría absoluta, non porque fora o PP, senón porque era o que tiña a maioría absoluta. Se non tiveramos esa previsión de resultado a nivel de edís non nos houberamos presentado, se ben conseguimos un número superior de votos aos que inicialmente pensabamos”.

Que cre que foi o que puido convencer ao electorado para votalo?
A.P: “Cada persoa tomaría a súa decisión particularmente por unhas motivacións propias. Algunhas por cansazo, outras para cambiar as cousas… non o sei. A xente tiña gañas de cambiar e doutras alternativas. Supoño que non estaban de acordo coa xestión que estaban levando a cabo”.

Desde que comezou a barallarse o nacemento de Celanova Decide foron moitos os comentarios que aseguraban que detrás estaba o exalcalde Antonio Mouriño, movido por discrepancias persoais con José Luis Ferro. Que hai de certo?
A.P: “Non. Celanova Decide creeino eu e os concelleiros que están agora mesmo na corporación, ninguén máis. Detrás de Celanova Decide non hai ningunha persoa máis, nin Antonio Mouriño nin ningunha outra que non sexa a que vai na lista. Os comentarios e valoracións que se fan desde outros ámbitos e partidos teñen que xustificalas eles. É unha idea persoal e propia miña, amparada e apoiada por moita xente, pero dun xeito principal polos concelleiros que están na lista e polos que non foron elixidos pese a ir na lista”.

Como foron as negociacións con BNG e o PSOE?
A.P: “A palabra non é que foran difíciles, foron normais. Cada un plantexou os seus proxectos, as ideas en común, as coincidencias programáticas e a partir de aí os outros dous partidos tiñan en mente chegar a un acordo para lograr un cambio de goberno porque o PP achegábase aos 30 anos gobernando na vila. É xusto e lexítimo querer tantear a posibilidade e as consecuencias dun cambio”.

Que agarda conseguir a curto e medio prazo en Celanova?
A.P: “A curto prazo, manter os servizos e seguir coa limpeza da vila e pór en marcha os equipos das brigadas para poder limpar as inmediacións e os núcleos do concello. A medio prazo ver a posibilidade de dotar o parque empresarial de máis empresas, buscar inversión privada que se xeneren postos de traballo. É o noso obxectivo principal que nos marcamos desde o primeiro día”.

Que lle vai pedir ás outras administracións, Xunta e Deputación?
A.P: “Colaboración e lealdade. Igual que Xunta e Deputación poden contar coa nosa lealdade. Mantemento por parte da Deputación dos compromisos que xa publicamente puxo de manifesto, en canto á execución do orzamento da piscina climatizada, por exemplo”.

Falaba en campaña de fomentar o turismo, como vai conseguilo?
A.P: “Aparte das actuacións que xa se están levando a cabo, entendo que debería pasar por captar turismo de calidade de zonas moi próximas a nós. Vender Celanova máis e mellor en sitios tan próximos como poden ser Ourense cidade e o norte de Portugal, a onde van a miúdo veciños da vila a disfrutar de paraxes e establecementos que, entendo eu, temos en Celanova nun plano superior. Creo que hai que vender Celanova, o Mosteiro, a casa de Curros, a igrexa visigoda, Castromao, Vilanova dos Infantes, a gastronomía… temos que facelo moito máis visible a veciños próximos, sobre todo no norte de Portugal onde creo que hai un potencial moi grande de turistas e non sei por qué motivo non pasan do Xurés para aquí”.

Como quedan agora as competencias no goberno municipal de Celanova?
A.P: “Acordouse crear unha comisión especial e catro informativas. Cada unha delas estará integrada por sete concelleiros:tres do PP, dous de CD, un do PSOE e outro do BNG.
En canto ás delegacións Economía e Facenda, Emprego, Educación, Xuventude e Deportes, Mercados municipais e Vendas non sedentarias, Consumo e Comercio estarán en mans de Francisco Javier Pulido (CD). Manuel Nogueiras (CD) faise cargo de Comunicación Social (prensa, radio e televisión), Cinematografía, Festexos e Turismo. Sandra Feijóo (CD) ocuparase de Urbanismo, Medio Ambiente, Medio Rural e Vivenda, Servizos Sociais e Sanidade. Pola súa banda, Julio Vázquez (PSOE) levará Agricultura e Gandeiría, Conservación e Mantemento de Vehículos Municipais, Limpeza, Mantemento e Conservación de Ríos e Cauces Pluviais, e Mantemento de Obras, Servizos e Instalacións. E Teresa Barge (PSOE) dedicarase á dirección interna e xestión dos servizos de Novas Tecnoloxías, Participación cidadá, Promoción empresarial, Mobilidade e Igualdade e Integración social”.

O novo Goberno conformado por Celanova Decide e PSOE decidiu que o alcalde terá unha adicación parcial (75%) pola que percibirá 35.000 euros brutos anuais. Ademais, haberá outras dúas adicacións parciais, cunha retribución duns 28.000 euros e que serán para a edil de Celanova Decide Sandra Feijóo, e para a socialista Teresa Barge.