Entrevista a Mario González, concelleiro de Cultura do Concello de Ourense.

“Din que imos enterrar a cultura e non é así, imos reforzar as letras, a poesía na rúa, as festas”

O novo edil de Cultura, Mario González, enfróntase ás numerosas críticas que está a recibir polos cambios nas inversións en materia cultural e achéganos aos novos proxectos de Democracia Ourensana neste eido.

A chegada de Democracia Ourensana á alcaldia de Ourense non estivo exenta de críticas, moitas delas a causa das primeiras decisións tomadas polo novo goberno municipal no eido cultural. Falamos co novo concelleiro de Cultura, Mario González.

Como está a ser o de-sembarco na Concellería de Cultura do Concello de Ourense?
Mario González (M.G.): “Está sendo un desembarco para aprender, hai que aprender moito, ser prudente, escoitar moito. E logo cando coñeces algo as cousas xa te vas ubicando e vas poñendo en marcha o que queres facer. Eu son profesor e este ano tiven que perderme as vacacións, fixérao antes cando tiña empresas, pero levaba un tempo tendo libres os veráns e este foi distinto, foi un cambio importante, pero a vida e as experiencias son moi bonitas e esta experiencia e marabillosa”.

DO plantexa un cambio radical no departamento de Cultura.
M.G.: “Nós tratamos de reinventar un pouco o tema da cultura en Ourense. Primeiro, evitando gastos supérfluos aos cidadáns. Cando cheguei simplemente pola xestión de certos eventos descubrín que o cidadán costeaba uns 50.000 euros, só pola xestión, sin contar contratación nin produción, nun mandato son 200.000 euros. Parécenos excesivo, cando nós sempre defendemos que acá en Cultura hai xente suficientemente preparada para organizar todo iso. E unha das cousas que os políticos debemos xestionar con responsabilidade e eficacia son os recursos que a Administración pon nas nosas mans E máis tendo un equipo suficientemente preparado”.

Empeza un dos cambios co Samaín.
M.G.: “Mantemos todo o que se estaba facendo, pero ademais imos introducir o que se chama “A noite da Santa Compaña”, que é recuperar unha das tradicións máis ancestrais da Galicia profunda e que hai moita xente que a descoñece. Nós faremos un percorrido dende distintos puntos do casco histórico, coas luces apagadas. Faremos un plano para que a xente sepa perfectamente por onde e a que hora aproximada pasará esa procesión, e logo confluirán todas na praza Maior. Polo que animamos xa aos ourensáns a que participen, e a implicación dos comercios e asociacións de veciños, porque este é un ano de lanzamento, e queremos que logo a xente se anime nos próximos anos a vir a Ourense”.

Tamén catro días de celebración do San Martiño.
M.G.: “Si, porque é a única festa que temos con día festivo, que en verán iso non acontece. Ademais, este ano coincide moi ben, venres, sábado, domingo e luns. Este ano vaise centrar na gastronomía e o folclore, porque ademais coincide co Concurso de Pinchos, e tamén estamos tendo reunións coas Denominacións de Orixe para ver como encaixamos todo. Entre a nosa idea e a deles intentaremos atopar un modelo intermedio. Ademais, estamos falando cos restaurantes para facer o menú do San Martiño, porque eses días hai festa na rúa, animación, concertos na carpa da praza Maior. E sería o arranque dunha Semana Celta, porque imos ter na explanada das Burgas unha carpa destinada á filosofía e cultura celta, dende ferramentas, vestiario, talleres…”.

E outra das novas propostas é para o Nadal.
M.G.: “Si, faremos en distintos puntos da zona vella distintas escenas navideñas para que a xente vaia visitando a cidade e a percorra e disfrute desas escenas. Antes só había unha nos xardíns do Padre Feijoo, pero este ano temos cinco programadas en distintos puntos e incluso imos animalas con música tradicional popular, panxoliñas de toda a vida, para animar á xente a que saia á rúa, que estea feliz”.

Hai algunha outra iniciativa en mente a medio prazo?
M.G.: “Estamos traballando para que os orzamentos sexan aprobados en tempo e forma, e con eles vai asociado o plan estratéxico, que inclúe un novo concurso literario, acá hai dous o Vicente Risco e o de poesía, e queremos impulsar outro de relatos, porque este formato está moi ben especificado e así á xente á que lle gusta escribir pode contar unha historia; e hai que animar á xente a que escriba e atopar o formato axeitado, que é o relato. Polo que convocaremos para o ano que vén os tres concursos literarios e organizaremos unha gala conxunta con todos os gañadores para fortalecer esta iniciativa. E tamén estamos pensando nunha festa de primavera, con actuacións musicais, poesía na rúa, etc. Darémoslle forma tan pronto pase o Nadal.
E en canto ás festas do Corpus, non será tan longa, se non que haberá días específicos. A nosa idea é facer menos días pero cada xornada adicada a un tema especial, por exemplo o día da xuventude, tamén pensamos a posibilidade de montar un mercado romano para resaltar a chegada dos romanos a Ourense e o descubrimento das Burgas”.

O Goberno municipal decidiu non axudar como ata o momento a iniciativas culturais como o FITO ou o Pórtico do Paraíso.
M.G.: “Non, porque nós queremos potenciar a música sacra, o ano pasado intentouse recuperar moi humildemente pero agora imos a proporcionar orzamento para facer un bo festival de música sacra. Ademais, hai que ter en conta que Ourense ten moitos emigrantes, e nos días antes aos festivos de Semana Santa hai moita xente que xa ven para a súa cidade de vacacións e por iso queremos facelo nesas datas previas”.

Que lle diría a todos os que son críticos con estas decisións?
M.G.: “A calquera goberno que chegue hai que darlle un marxe para que reorganice as políticas, e iso é o que estamos facendo en materia cultural. Non imos quitar nada, imos facelo dun xeito diferente, pero xa nos crucificaron e din que imos enterrar a cultura, e non é así, imos reforzar as letras, a poesía na rúa, as festas, imos traer ópera. Acabamos de asinar un contrato con AGADIC de 33.000 euros que nos permite programar unha serie de obras de teatro.
Eu fun finalista do Premio Planeta, dou concertos, polo que non nos poden tildar de ser anticultura, pero é que o Concello non pode pagar 50.000 euros para que outras empresas organicen eventos que debemos organizar nós, ademais o formato que presentan pola lei de contratación xa non é asumible. Nós contratamos a MOTI porque a incluimos no programa de Nadal pero os servizos xurídicos dinnos que este formato xa non vale. Os contratos que se estaban asinando con Sarabela ou o Pórtico do Paraíso non son asumibles pola lei”.

Van a recuperar algún dos eventos culturais de-saparecidos nos últimos tempos como foi o Outono Fotográfico?
M.G.: “Imos recuperar o de pintura na rúa, no ciclo de primavera. Cada ano centrarase nunha zona distinta para que a xente poida gozar de ver aos pintores traballando.
En canto ao Outono Fotográfico, cando se deixou de facer Ponte Vella puxo en marcha un concurso fotográfico que está traballando moi ben, e abriremos unha vía de colaboración con eles para que siga funcionando”.

Insiste vostede na produción propia.
M.G.: “Non se pode permitir que tendo traballadores moi ben formados, neses ciclos pagados polo Concello non poñamos o persoal. Ademais, non me parece xusto que xente con moita capacidade se vexa degradado a poñer sillas e colocar conxíns, os nosos traballadores teñen moita capacidade e ademais con eles afórraselle diñeiro ao cidadán”.

Tamén falan dun bono cultural.
M.G.: “Imos poñelo en marcha no Ciclo En Clave e no Ciclo Lirico, deixando unha parte de entradas para parados, xubilados con rentas baixas e para estudantes, e imos ser moi sensibles e discretos á hora de facer chegar esas entradas para non ferir a súa sensibilidade”.

E da Orquestra Xove.
M.G.: “Exactamente. Falei coa directora do conservatorio e trasladeille a miña idea porque nós pensamos nunha orquestra xove, un concepto máis alegre, máis vivo, e para darlle unha oportunidade aos estudantes do conservatorio. Como son un centro educativo deben consultalo co consello escolar para presentarnos un proxecto que encaixe. Concello e Deputación inxectariamos o diñeiro para que o xestionaran dende o conservatorio e logo dariámoslle forma xurídica. Ademais, nese convenio que se asine eles facilítarannos a banda para actos. Agora estamos agardando para manter outra reunión na que nos presenten o proxecto e fagan unha valoración económica”.

En canto ao Auditorio Municipal, considera que está suficientemente potenciado?
M.G.: “Polo que sei o noso é o auditorio mellor valorado de Galicia, polas administracións e polas compañías que teñen actuado. Pero creo que falta información sobre todo o que se fai no auditorio, igual pola crise económica tamén se perdeu algo de interese, e queremos revitalízalo, facer unha boa programación, e logo hai empresas que o alugan. Por exemplo, vai vir Bertín Osborne, que non pense a xente que o contratamos nós, non, nós alugámoslle a sala. Tamén Sarabela vai estrear nel as súas dúas funcións, que contratamos nós, polo que demostramos que con Sarabela non rompemos, pero hai cousas que contratamos e outras que nos parecen que non se poden facer.
Ademais, aproveitaremos o acordo con AGADIC para programar 20 ou 30 obras, imos traer ópera, en definitiva, imos potencialo. E iso tamén o conseguiremos coa idea do goberno de crear unhas escaleiras mecánicas ata a zona do auditorio, de maneira que a xente poida acceder máis sinxelamente.
Hai que facer dúas, unha xunto ao aditorio e outra na parte de abaixo da rúa Emilia Pardo Bazán, e tamén se está pensando noutra na rúa Concello, para unir Progreso co centro”.

Tamén queren potenciar aos artistas locais.
M.G.: “Si, xa falamos co Cercano, co Latino e fáltame falar co Liceo. O obxectivo é que se apunten creativos ourensáns das artes escénicas e que unha vez por semana nestes sitios actúen para dar a coñecer o seu traballo. Tamén estamos valorando incluir no plan estratéxico unha bolsa para gastos mínimos, se teñen que transportar material por exemplo, pero nós ofrecémoslle a programación e as instalacións.
Tan pronto teñamos os orzamentos poderemos empezar a traballar nisto, para en xaneiro ó pasar as festas facer unha base de datos de artistas e logo programalo”.

Por último, como ve o ámbito da cultura en Ourense de acá a tres anos?
M.G.: “Espero que xa estean instaladas perfectamente as convocatorias dos concursos literarios, cos ciclos festivos ben montados, ca xente participando, sendo un reclamo para os visitantes… e incluso nos espazos expositivos, hai que poñelos en marcha, porque é moi importante que os quen ven a Ourense se atopen con exposicións de calidade. Unha cidade con 105.000 habitantes ten que ter oferta cultural para todas as sensibilidades”.