Nove procesións participarán nesta novidosa iniciativa.

A Santa Compaña percorrerá a cidade no Samaín

Nove procesións da Santa Compaña, cun total de 12 grupos participantes, percorrerán este xoves, 31 de outubro, desde as 23.30 horas diferentes rutas pola cidade para celebrar o Samaín 2019. Os percorridos sairán desde a rúa do Paseo, rúa de Santo Domingo, praza de San Cósmede, praza das Mercedes, Padre Feijóo, praza de Saco e Arce, praza do Correxedor e o barrio da Carballeira, para avanzar cara á Praza Maior, onde se unirán todas as agrupacións participantes. Alí terá lugar á unha da madrugada a actuación do grupo vasco Deabru Beltzak que representará o espectáculo de música, pirotecnia e efectos visuais “Os tambores de fogo”. Será o colofón a esta nova proposta do Concello de Ourense. Tamén participará nas actividades a Escola Municipal de Teatro.

Para a cativada, a programación deste ano dálles continuidade a actividades que durante os últimos anos veñen acadando unha grande participación. Nenos e nenas poderán participar desde as 17 h en media ducia de actividades nas prazas do centro histórico:
Taller de baleirado de cabazas, na praza Saco e Arce
Microteatro na praza da Imprenta, cun pequena representación teatral interactiva na que se lles dará a coñecer a orixe do Samaín (3 pases de 15 min).
Obradoiro Os bosques dos petrogriflos, na praza da Imprenta. Unha zona acoutada onde de maneira libre poderán participar en xogos de puntería, lóxica e de construcións, usando como materiais elementos da natureza propios da festividade do Samaín (landras, troncos, pedras, cabazas, madeira).
Obradoiro: Os artesáns do castro, na praza da Imprenta. Un esppzo onde nenos e nenas deseñarán os seus amuletos para pasar unha boa noite de Samaín
Obradoiro de maquillaxe e feridas, na praza Manuel Sueiro.
Obradoiro de elaboración de chapas, na praza Manuel Sueiro

Ás 19 h será o Desfile de Cabazas, que sairá desde a praza da Imprenta e avanzará polas rúas de Colón, Bispo Carrascosa e Praza Maior, para rematar con baile e festa nesta praza Uxía Lambona e a Banda Molona!!!